Abre o prazo de inscrición para os locais que queiran participar no XIV Ribadeo de Tapeo
Do 22 de marzo ao 5 de abril estará aberta a inscrición para participar no XIV Ribadeo de Tapeo, que se celebrará do 11 ao 19 de maio. O formato do concurso será o mesmo dos últimos anos, segundo explicou hoxe a concelleira de Turismo e Comercio, Ana Martínez. Haberá un xurado profesional e o público tamén elixirá a mellor tapa. E o prezo destas miniaturas da cociña será de 1,50 euros.
A edil nacionalista contou que “un ano máis, xa ás portas da primavera e desde o Concello de Ribadeo queremos abrir o prazo para o Ribadeo de Tapeo, para a inscrición dos establecementos que queiran participar no Ribadeo de Tapeo, que xa vai pola súa edición número 14. Este ano as datas de celebración serán dende o 11 ata o 19 de maio. Todos os establecementos interesados en participar deberán inscribirse e poden facelo a partires de mañá mesmo, 22 de marzo, ata o 5 de abril, no Concello de Ribadeo. Poderán atopar toda a información para tal fin na sede electrónica da páxina web do Concello, ribadeo.gal, ou chamando á Oficina de Turismo ao 982 128 689”.
Ana Martínez salientou que “o Ribadeo de Tapeo é un dos grandes atractivos dentro da programación do Concello de Ribadeo, quizais un deses eventos que tamén busca apoiar e potenciar o noso sector servizos, a hostalería ribadense, e durante un mes non moi forte no tema de ventas e eventos como pode ser o mes de maio, previo xa á tempada estival. É un referente en toda a contorna pois o Ribadeo de Tapeo é un dos concursos deste tipo máis antigos de Galicia, e eu creo que ademais ten unha categoría e un caché que o fan especial, desde logo para visitar cada ano, imposible de deixar. Creo que achegarse ao Ribadeo de Tapeo xa forma parte dese círculo de amizades que quedamos durante o mes de maio en Ribadeo”.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio cre que “tamén é un dos mellores escaparates para a nosa hostalería porque si é certo que moitos establecementos durante todo o ano xa están ideando con que deleitarnos, con ese pequeno bocadiño que ano tras ano nos presentan nos seus establecementos. O formato de selección vai ser similar aos últimos anos. Haberá dous tipos de xurado, o xurado profesional ao que poderán optar voluntariamente ou inscribirse os establecementos e o xurado do público, que somos cada un de nós que imos polos establecementos probando as súas tapas e que a modo de pasaporte levamos esa tarxetiña onde se nos vai selando, e logo nós depositamos, ao final do concurso, nunha das urnas que están nos propios establecementos para indicar cal é no que máis no gustou a súa tapa e a súa barra, e poder así tamén agasallalos co premio do público”.
Ana Martínez engadiu que “o prezo se mantén igual que nos últimos anos, a 1'50 euros por tapa. Creo que é un prezo adecuado e módico para poder degustar a calidade, o traballo e o esforzo que nos presentan os hostaleiros e as hostaleiras de Ribadeo. Animo a que, como todos os anos, os establecementos de hostalería se acheguen ao Concello para inscribirse e participar, e lembro que isto pódese facer ata o 5 de abril”.
Cantos de Taberna
A concelleira de Turismo e Comercio lembrou que “este ano, un evento que estaba dentro da propia edición do Ribadeo de Tapeo, os Cantos de Taberna, terán a súa propia edición particular, e ademais será esta mesma semana. O sábado, 23 de marzo, poderemos e deberemos achegarnos a Ribadeo para disfrutar dos Cantos de Taberna amenizados por doce grupos de diferentes sitios, incluso algúns achéganse dende outras provincias, para actuar nuns 44 establecementos de hostalería que participan, e que ademais de poder facelo na vila de Ribadeo podemos acompañalos e disfrutar en diferentes parroquias, como é o caso de Rinlo e A Devesa. Así que a xente que está por Ribadeo que se achegue este sábado 23 a disfrutar dos Cantos de Taberna”.
A Pancha de Ribadeo
Sobre a campaña da moeda local Pancha Ana Martínez declarou que “dende o Concello de Ribadeo, xunto con Acisa e en colaboración con Abanca, está en marcha a moeda local do comercio de Ribadeo, a Pancha, e quero tamén recordar a todos aqueles establecementos, a todo o comercio que estea interesado en adherirse á campaña das panchas, que o prazo está aberto e que deben facelo para poder despois recibir as panchas, para que poidan recibir á xente que queira pagar en panchas. O prazo está aberto ata o 3 de abril, e a información sobre como deben facelo poden atopala na páxina web para tal efecto, que é panchamoedalocal.ribadeo.org”.
A edil ribadense insistiu en que “esta campaña suma 1.000 packs de 40 euros cada un, falamos dun total de 40.000 euros para gastar en Ribadeo durante un mes, do 5 de abril ata o 5 de maio. É unha iniciativa do Concello de Ribadeo e Acisa, en colaboración con Abanca, que pretende animar a todo o sector servizos porque falamos de comercio, de perruquerías e servizos en xeral, durante a campaña de primavera. Creo que é un bo arranque, case unhas moi boas rebaixas para o consumidor porque eles pagarán 30 euros, pero percibirán 40 euros en valor de panchas, o que supón un 33% para as súas compras, precisamente neste principio de campaña de primavera. Así que recordo ao comercio que lembre inscribirse, o que queira participar, ata o 3 de abril”.