Abre a inscrición para participar en Orienta Ribadeo, a proba de aventura urbana

AMariñaXa
A xornada, organizada polo Concello e a Xunta, terá lugar o 26 de abril e permitirá a equipos superar retos mentres percorren o centro da vila
Francisco-José-Silvent-Orienta-Ribadeo-2026
9 Apr 2026

Xa está aberta a inscrición para a nova edición de Orienta Ribadeo, a proba de aventura urbana que se celebrará o 26 de abril a partir das 11.00 horas.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que se trata dunha competición por equipos na que os participantes deberán percorrer a pé distintas zonas do centro urbano, localizando puntos de control ou balizas e superando diversos retos.

Durante un tempo máximo de dúas horas, os equipos terán que acadar o maior número posible de puntos, combinando a toma de decisións co traballo en equipo. O punto de inicio e final será a praza de España, xunto á Casa do Concello.

O edil ribadense detallou que se establecen dúas categorías: infantil e adultos. Na categoría infantil debe haber polo menos unha persoa menor de 12 anos, mentres que na de adultos todos os integrantes teñen que superar esa idade. Cada equipo poderá estar formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo de seis.

As inscricións poden realizarse desde hoxe na Casa da Xuventude de Ribadeo e estarán abertas ata o 20 de abril. Silvent animou “ás familias a participar nunha mañá de domingo diferente e divertida, facendo estratexias, tomando decisións e traballando en equipo”. A proba está organizada polo Concello de Ribadeo en colaboración coa Xunta de Galicia.

0.11558604240417