Aberto o prazo para participar na XXXI San Silvestre de Ribadeo
No Concello de Ribadeo presentouse esta mañá a XXXI San Silvestre, que se celebrará o 31 de decembro. A inscrición, que é obrigatoria e gratuíta, está aberta desde hoxe e ata o 26 de decembro. A máscara será obrigatoria para todas as categorías a partires dos seis anos de idade.
O edil de Deportes explicou que “abrimos o prazo de inscrición da San Silvestre deste ano, o prazo é desde o 10 de decembro ata o 26, e vai estar habilitada na páxina de championchipnorte para todas as inscricións. É unha carreira xa lonxeva porque leva desde os anos 90 facéndose, esta é a 31 edición. O ano pasado polo covid non se puido organizar. Queremos e desexamos que este ano se faga. Polo covid estamos suxeitos a un protocolo con distintas normas que vai haber diferentes a outros anos onde é obrigada a inscrición, a máscara é obrigatoria a partir dos seis anos durante todo o percorrido da carreira e tamén será obrigatorio entregar unha declaración do covid para poder recoller ese dorsal. Ademais, dependendo da situación sanitaria, as saídas ao mellor son escalonadas”.
Jorge Díaz engadiu que “son catro percorridos. Un de cen metros onde están os pitufiños, a xente máis noviña nados entre 2018 e 2021, e vai desde a oficina de turismo ata o Concello. Hai outra de catrocentos metros para os nados entre 2014 e 2017, neste caso é unha volta ao parque San Francisco que remata no Concello. Outra carreira é a da milla con 1.150 metros que vai polas rúas peonís do concello, polas Catro Rúas, Reinante, etc…, e é para os nados entre 2010 e 2013. Por último está a carreira estrela, que é a San Silvestre de sempre, con cinco quilómetros e o percorrido habitual polas diferentes rúas do concello, sobre todo polas peonís”.