Aberta a inscrición para participar na XXXIII San Silvestre de Ribadeo
Desde hoxe e ata o 26 de decembro estará aberta a inscrición para participar na XXXIII San Silvestre de Ribadeo que terá lugar en Ribadeo o último día do ano.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “as persoas que queiran participar poden anotarse ata o 26 de decembro en www.championchipnorte.com”.
Silvent explicou que “a saída da mini San Silvestre, para nenas e nenos menores de 4 anos, terá lugar ás cinco menos vinte da tarde; a saída para os pícaros de 4 a 7 anos será ás cinco menos cuarto. A milla para rapazas e rapaces de 8 a 11 anos está prevista para as cinco menos dez. E a San Silvestre, cun percorrido de 5.000 metros, dará comezo ás cinco da tarde”.
Tamén indicou que “haberá premios en metálico e trofeos para os 3 primeiros clasificados absolutos feminino e masculino e para os 3 primeiros ribadenses homes e mulleres. Os tres primeiros clasificados nas outras categorías recibirán medallas e trofeos a gañadora e o gañador das mini San Silvestre e da Milla. E tamén haberá trofeo para os participantes de maior idade que rematen a súa carreira, masculino e feminino”.