A XXXV San Silvestre de Ribadeo quenta motores para despedir o ano cunha multitudinaria festa deportiva

AMariñaXa
A carreira celebrarase o 31 de decembro con probas para todas as idades, inscrición previa ata o 25 de decembro e premios en metálico e trofeos
san_silvestre-ribadeo-2023-cartel
17 Nov 2025

Ribadeo xa ten todo preparado para celebrar unha das citas máis emblemáticas do seu calendario deportivo: a XXXV San Silvestre, que terá lugar o 31 de decembro de 2025 e que volverá converter as rúas da vila nun grande escenario de deporte, convivencia e despedida festiva do ano. O Concello, a través da área de Deportes, anima a veciñanza e visitantes a participar nesta proba consolidada, que reúne cada edición centos de corredores e corredoras de todas as idades.

As inscricións son obrigatorias e poderán formalizarse ata o 25 de decembro na web www.championchipnorte.com. A xornada arrancará coa tradicional serie de carreiras infantís: ás 16:40 horas sairá a Mini San Silvestre para menores de catro anos; ás 16:45, será a quenda das nenas e nenos de 4 a 7 anos; e ás 16:50 disputarase a milla infantil, destinada a participantes de 8 a 11 anos. A proba principal, de 5 quilómetros, comezará ás 17:00 horas e está aberta a maiores de 11 anos.

Este ano volverán entregarse premios en metálico e trofeos para os tres primeiros clasificados, tanto na categoría absoluta masculina como feminina, así como recoñecementos específicos para as persoas corredoras ribadenses mellor posicionadas. Tamén haberá medallas para o podio do resto de categorías e trofeos especiais para os gañadores da Mini San Silvestre e da Milla. Un galardón adicional premiará ao participante de maior idade que complete o percorrido.

O Concello de Ribadeo destaca o carácter inclusivo e festivo da carreira, presentada como unha oportunidade perfecta para rematar o ano facendo deporte e compartindo unha tarde diferente en familia. A San Silvestre conta coa colaboración de GADIS e EROSKI, e toda a información pode consultarse na web oficial sansilvestre.ribadeo.gal.

⚙ Configurar cookies
0.071671009063721