A Xunta reafirma o seu apoio ao Burela FS cun investimento de case 100.000 euros esta tempada

O Goberno galego manterá o seu respaldo ao Burela Fútbol Sala, unha entidade referente do deporte galego, cunha achega económica que nesta tempada acada os 97.500 euros. Así llo trasladou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, ao presidente do club, José Luis Sáez, durante unha visita ás instalacións da entidade burelá.
Arias subliñou que a Xunta “segue ao carón do club como vén facendo desde hai anos”, ao tempo que puxo en valor o esforzo constante do Burela FS en cada competición e o traballo continuado na formación de xogadores e xogadoras desde as categorías base. Segundo explicou, o apoio institucional canalízase a través da Secretaría Xeral para o Deporte e está destinado a reforzar o proxecto deportivo global da entidade.
O representante autonómico salientou tamén a importancia do labor que desenvolve o club tanto cos primeiros equipos, feminino e masculino, como co amplo conxunto de equipos de base, que constitúen un dos piares fundamentais da súa traxectoria. “Falamos dun modelo que combina rendemento deportivo, formación e valores”, indicou.
Desde a directiva do Burela FS, o seu presidente agradeceu expresamente o compromiso da Xunta, lembrando que este respaldo resultou especialmente decisivo nun momento complexo para a entidade, tras a perda do seu principal patrocinador privado a finais de 2024. Sáez recoñeceu que a colaboración institucional foi clave para garantir a continuidade do proxecto e manter a estabilidade do club nun contexto económico adverso.