A Xunta prevé adxudicar no primeiro semestre a mellora do abastecemento a Ribadeo e Trabada

A Xunta de Galicia estima que a obra de mellora do sistema de abastecemento de auga aos concellos de Ribadeo e Trabada quedará adxudicada ao longo do primeiro semestre deste ano. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ao alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, durante unha reunión celebrada esta mañá para analizar diferentes asuntos de interese municipal relacionados coas competencias autonómicas.
A actuación, promovida por Augas de Galicia, saíu a licitación pública no mes de outubro cun orzamento de case 7,5 millóns de euros e un prazo de execución previsto de 15 meses. Segundo explicou a conselleira, ao proceso presentáronse un total de 20 ofertas e a tramitación continúa segundo os prazos establecidos. De feito, recentemente procedeuse á apertura do sobre B, polo que se prevé que antes do mes de xuño exista xa unha proposta de adxudicación.
O proxecto ten como finalidade principal resolver os problemas dunha rede de abastecemento construída hai máis de catro décadas, que presenta un avanzado estado de deterioro, con avarías e roturas frecuentes que dificultan garantir a demanda actual de auga. A intervención permitirá a execución dunha nova condución que atravesará ambos municipios e mellorará de maneira notable o subministro de auga potable, especialmente no caso de Ribadeo.
O financiamento da obra correrá a cargo da Xunta nun 80 %, a través de Augas de Galicia e con cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2021-2027. Pola súa banda, o Concello de Ribadeo asumirá o 20 % restante, mentres que o Concello de Trabada facilitará os terreos necesarios para a execución dos traballos.
Esta actuación insírese na liña de colaboración técnica e económica que Augas de Galicia mantén cos concellos para mellorar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e rías e reforzar uns servizos esenciais para a cidadanía. Un compromiso que tamén se reflicte nos orzamentos autonómicos deste ano, cun incremento global e unha forte aposta polo abastecemento, o saneamento e a mellora das infraestruturas hidráulicas.