A Xunta licita as obras para reducir o risco de inundación no río Fontecova, en Viveiro

AMariñaXa
O proxecto, financiado con fondos europeos e co apoio da Deputación de Lugo e do Concello, prevé actuacións en catro treitos do cauce cun prazo de execución de oito meses
casa-do-concello-de-viveiro
25 Aug 2025

A Xunta de Galicia abriu o proceso de licitación para acometer melloras estruturais no río Fontecova, no municipio de Viveiro, cun investimento de 812.624,75 euros, IVE incluído. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 19 de setembro de 2025 e o prazo de execución das obras está fixado en oito meses.

A intervención, que se inscribe dentro do convenio de colaboración asinado entre a Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro, conta con financiamento do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, a través do programa europeo NextGenerationEU, e manterase vixente ata finais de 2026.

Do orzamento total, Augas de Galicia achegará arredor do 61 %, mentres que a Deputación e o Concello completarán a parte restante a partes iguais. O proxecto está dirixido á ARPSI Río Fontecova, clasificada de risco elevado, dentro da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, e baséase nas propostas de xestión de inundación elaboradas previamente polo organismo autonómico en coordinación co consistorio viveirense.

A licitación céntrase en incrementar a capacidade hidráulica do leito nun tramo de 280 metros, unha área sometida a unha forte presión urbanística e onde as crecidas afectan directamente a vivendas situadas no núcleo de A Tafona.

Os traballos, que se estenderán ao longo dos 11,3 quilómetros que integran a ARPSI, desenvolveranse en catro treitos diferenciados. Entre as actuacións principais figuran a canalización das marxes do río, intervencións no azude e labores de urbanización de pavimentos.

⚙ Configurar cookies
0.087322950363159