A Xunta impulsa a modernización do CIFP Porta da Auga cun investimento de 125.000 euros

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou as novas obras de mellora no Centro Integrado de FP Porta da Auga, que se executarán no verán. A obra está xa licitada e presentaron oferta dúas empresas. Esta intervención eleva a 1,2M€ o investimento da Xunta nos centros educativos de Ribadeo ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
O titular do departamento educativo da Xunta destacou que a principal actuación desta folla de ruta de modernización dos centros educativos no concello mariñán foi a rehabilitación integral do Colexio CEIP Gregorio Sanz, que se completará coa reforma do peche.
No caso do CIFP Porta da Auga, acometeuse a mellora da accesibilidade a través da instalación do ascensor, á que agora se engaden as actuacións na cuberta e na antiga vivenda do conserxe, que terán un investimento de máis de 125.000€. En concreto, mudarase a cuberta do taller de automoción, de 206m², colocando unha nova de panel sándwich de aceiro galvanizado con recheo intermedio de escuma de poliuretano. Substituirase, ademais, o canlón pechado existente por un de similares características e instalaranse lucernarios na zona de taller.
A maiores, reformarase a actual vivenda do conserxe, co obxecto de crear novas dependencias dedicadas a despacho, departamentos ou seminarios. Crearanse cinco novos locais na planta baixa do edificio principal, aos que se accederá mediante un corredor central que dará continuidade ao corredor existente, un cuarto de instalacións e unha zona de almacén conectada co exterior e coa cafetería. Así mesmo, adecuarase a carpintería metálica exterior da vivenda á estética do resto do edificio.