A Xunta defende a variante leste de Viveiro como unha solución realista para mellorar a mobilidade

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, defendeu esta mañá a proposta do Goberno galego para a variante leste de Viveiro, cualificándoa como unha actuación “realista, rigorosamente planificada e orientada a dar resposta ás necesidades actuais de mobilidade do municipio”. Fíxoo fronte ás críticas formuladas polo PSOE, ás que respondeu reivindicando o carácter técnico e viable do proxecto.
Segundo explicou Arias, a nova infraestrutura permitirá unha mellora notable da mobilidade na contorna, reducindo os tempos de desprazamento e incrementando a seguridade viaria. Neste sentido, lembrou que a Xunta xa está a actuar noutras vías estratéxicas da comarca, como a LU-540, que conecta Viveiro co resto da provincia e que conta cun investimento de 8,2 millóns de euros.
O delegado territorial subliñou que a Xunta traballa cun proxecto solvente tanto desde o punto de vista técnico como ambiental, cun orzamento estimado de 38 millóns de euros. Ademais, avanzou que o Executivo autonómico ten previsto licitar no primeiro trimestre deste ano o proxecto de construción da variante. “Estamos a falar dunha proposta seria, baseada en criterios técnicos e no diálogo, con solucións executables, non con anuncios baleiros”, afirmou.
Arias destacou tamén que a alternativa seleccionada é a que presenta un menor impacto ambiental e facilita unha mellor articulación territorial entre Viveiro, Covas e Celeiro. De feito, indicou que a variante permitirá retirar do casco urbano arredor dun 60 % do tráfico, especialmente o pesado, ao asumir os desprazamentos de longo percorrido e parte do tránsito local.
Outro dos aspectos salientados foi a mellora da conexión co porto de Celeiro, unha infraestrutura clave para a economía da zona. Segundo o delegado, esta actuación contribuirá a reforzar a competitividade económica e a impulsar o desenvolvemento do tecido produtivo ligado á actividade portuaria e pesqueira.
Por último, Arias insistiu en que a Xunta mantén un compromiso firme con Viveiro e coa Mariña lucense a través de proxectos planificados, con financiamento garantido e prazos definidos, “fronte a polémicas estériles que non achegan solucións reais aos problemas da cidadanía”.