A Xunta dá luz verde á cesión de terreos en Ribadeo para construír un novo centro de saúde

AMariñaXa
O futuro equipamento sanitario, cun investimento de arredor de sete millóns de euros, contará con máis servizos, novas consultas e espazos ampliados de atención primaria e urxencias
pp-ribadeo-terreo-novo-centro-de-saude
18 May 2026

O Consello da Xunta aprobou o acordo polo que se autoriza a aceptación dos terreos cedidos polo Concello de Ribadeo, de forma gratuíta, para a construción dun novo centro de saúde no municipio.

A parcela, situada na avenida da América sen número, conta cunha superficie de 3.991 metros cadrados e será o emprazamento no que se levantará unha infraestrutura sanitaria completamente renovada. A Xunta prevé un investimento próximo aos sete millóns de euros para a execución deste proxecto, que permitirá ampliar servizos e mellorar a atención á cidadanía.

O novo centro de saúde superará amplamente as dimensións do actual, pasando dos 1.987 metros cadrados existentes a uns 2.800 metros cadrados, e incorporará máis consultas e mellores circuítos asistenciais.

Entre as novas dotacións previstas figuran seis consultas de medicina xeral, seis de enfermería, unha sala de toma de mostras, unha consulta de farmacia e dúas salas de técnicas destinadas a ecografías, espirometrías e cirurxía menor, entre outras prestacións. Tamén disporá de despacho para traballo social e dunha sala de xuntas que poderá funcionar como biblioteca.

No ámbito da atención especializada, o centro incluirá consulta de pediatría e enfermería pediátrica, espazo para matrona, programa da muller e unha sala de educación sanitaria. Ademais, reforzarase a atención multidisciplinar con consultas de odontoloxía, hixienista, fisioterapia e área de radioloxía.

O dispositivo asistencial completarase cunha importante mellora dos espazos destinados ao Punto de Atención Continuada (PAC), que contará con sala de observación, box de críticos, dúas consultas de medicina xeral e unha de enfermería, ademais doutras dependencias. Tamén se habilitará espazo para o servizo do 061.

Unha vez autorizada a cesión dos terreos, o seguinte paso será formalizar a operación mediante escritura pública e, posteriormente, sacar a licitación a redacción do proxecto construtivo.

A previsión do Goberno galego é que ao longo do vindeiro ano poida aprobarse o proxecto definitivo e iniciarse a contratación das obras desta nova infraestrutura de atención primaria, que suporá unha importante mellora na capacidade asistencial de Ribadeo.

0.13551807403564