A Xunta adxudica a rehabilitación integral do Colexio San Miguel de Reinante por 375.000 euros

AMariñaXa
As obras, que realizarán a empresa Metaleume, mellorarán a eficiencia enerxética do centro e estarán rematadas en cinco meses
BARREIROS-colexio-San-Miguel-de-Reinante
2 Apr 2026

A Xunta de Galicia vén de adxudicar por case 375.000 euros a obra de rehabilitación integral do Colexio San Miguel de Reinante, en Barreiros, que realizará a empresa Metaleume. O prazo de execución da actuación, unha vez se inicien os traballos, é de cinco meses.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional centrará a actuación nos edificios do centro destinados a aulario, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e o benestar da comunidade educativa. Estímase que, unha vez rematadas as obras, se acade un aforro medio do 40 % no consumo de enerxía e unha redución equivalente nas emisións.

Para iso, colocarase nova carpintería con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, instalarase un sistema de illamento térmico tipo SATE na fachada e porche cuberto, e renovaranse as luminarias con tecnoloxía LED nas zonas que carecen dela.

A actuación enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros educativos para 2026, cun investimento total de máis de 16 millóns de euros. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a 73,6 millóns de euros, un 4 % máis.

A rehabilitación do colexio de Barreiros eleva a máis de 8 millóns de euros o investimento en obras en centros educativos da Xunta na Mariña lucense dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Entre outras actuacións destacadas están as rehabilitacións integrais do Instituto de Foz (1,2 millóns de euros), do CEIP Gregorio Sanz en Ribadeo (1 millón de euros), do IES María Sarmiento en Viveiro (810.000 euros) e o cambio de cuberta do edificio principal do CEIP Plurilingüe Álvaro Cunqueiro Mora en Mondoñedo (450.000 euros).

0.13764715194702