A XLII Feira de Artesanía de Viveiro reunirá a preto de trinta obradoiros durante dez días

Os Xardíns de Noriega Varela de Viveiro volverán converterse nun escaparate da creación artesanal coa celebración da XLII Feira de Artesanía, que se desenvolverá entre os días 7 e 16 de agosto. A cita reunirá a preto dunha trintena de artesáns e artesás procedentes de distintos puntos, que exhibirán e comercializarán pezas elaboradas en materiais e técnicas moi diversas.
A inauguración oficial terá lugar o 7 de agosto ás 17.30 horas, momento no que dará comezo unha nova edición dun evento xa consolidado dentro da programación estival viveirense. A feira abrirá todos os días en horario de 11.00 a 14.30 horas e de 17.30 a 22.00 horas, favorecendo a visita tanto de veciñanza como de turistas.
Entre os postos participantes figuran profesionais especializados en cerámica, coiro, madeira, ilustración, xoiería, téxtil, vidro reciclado, xoguetes, cestería, decoración e outras disciplinas artesanais, configurando unha ampla oferta de creación feita a man.
A feira contará cun stand efémero que irá cambiando ao longo dos dez días de celebración. SACCO participará os días 7 e 8; Taller Patapúm estará presente os días 9 e 10; Adanegra Textil ocupará o espazo os días 11 e 12; Luciérnaga fará o propio os días 13 e 14; Jerolas participará o 15 de agosto; e Como Pez en el Agua pechará a programación o día 16.
A organización busca, un ano máis, impulsar o traballo artesanal, favorecer o contacto directo entre creadores e público e ofrecer unha proposta cultural e comercial que xa forma parte das citas tradicionais do verán en Viveiro.