A Xira de Santa Cruz homenaxeará a música tradicional cunha nova edición os días 1 e 2 de agosto

Ribadeo volverá render homenaxe á música tradicional coa celebración dunha nova edición da Xira de Santa Cruz, que terá lugar os vindeiros días 1 e 2 de agosto. A festa, declarada de interese turístico de Galicia, foi presentada xunto ao monumento ao gaiteiro, símbolo dun encontro que cada verán reúne veciñanza e visitantes arredor da cultura galega.
A presidenta da asociación Amigos da Gaita, entidade organizadora da cita, Noelia Barrera, destacou o valor desta celebración como “un gran punto de encontro do verán” para Ribadeo e para todas as persoas que queren manter viva a tradición musical. Segundo explicou, nos últimos anos a festa recuperou o seu espírito inicial como “un encontro de moitas familias, un momento de convivencia e unha forma de honrar á música tradicional e á nosa cultura”.
Nesta edición, os encargados de pronunciar o pregón serán Pablo Díaz e Olga Kirk, dous nomes vinculados á investigación, divulgación e conservación da música galega. Barrera destacou que se trata dunha “parella de luxo” como pregoeiros, pola súa traxectoria como referentes da música tradicional e polo seu traballo na recompilación de pezas de baile galegas.
O programa arrancará o sábado 1 de agosto no Parque San Francisco, onde terá lugar o pregón inaugural. A continuación, actuarán as escolas de música e, para continuar coa celebración, a Charanga Tres Pés percorrerá diferentes rúas de Ribadeo achegando música e animación ás persoas asistentes.
A xornada central desenvolverase o domingo 2 de agosto. A partir das 11:30 horas, os cuartetos Illa Pancha, Fol do Raxal e Axeigo protagonizarán os pasarrúas por diferentes zonas da vila. Ás 12:00 horas, o Cantón dos Moreno acollerá unha mostra das escolas.
Unha vez rematadas estas actuacións, a celebración trasladarase ao Monte de Santa Cruz, onde, como é tradición, familias e grupos de amigos se reunirán para compartir o xantar e unha xornada de convivencia. Durante a tarde terá lugar a tradicional ofrenda floral ao gaiteiro, seguida das actuacións musicais de Tumba e Dalle, Axeigo e Alana.
A programación contará ademais coa colaboración da Comisión de Festas de Ribadeo, que instalará unha barra e achegará música para prolongar o ambiente festivo.
Desde Amigos da Gaita animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta cita e a achegarse ao monte para gozar dunha xornada marcada polo bo ambiente, a tradición e a música galega.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, lembrou que esta romaría se celebra desde 1965 e animou á participación nunha festa que combina convivencia, gastronomía e cultura. Ademais, agradeceu o apoio económico da Xunta de Galicia, que permite manter esta celebración “como se merece”.
Sanjurjo destacou que a Xira de Santa Cruz representa un espazo de encontro onde se mesturan “comida, boa conversación e a mellor música galega” baixo a presenza do monumento ao gaiteiro, unha figura que simboliza o compromiso coa conservación da música tradicional.