A ximnasta Candela Martínez leva os valores do deporte ao alumnado de Barreiros

O alumnado do colexio San Miguel de Reinante, en Barreiros, participou nunha sesión educativa coa ximnasta rítmica Candela Martínez Bobo, protagonista do segundo obradoiro do proxecto "Vivir o Mar: Produto Local e Deporte no Litoral de Barreiros". A iniciativa busca promover o benestar integral da infancia e da mocidade nos centros educativos do municipio a través do deporte, a alimentación e a conexión coa contorna costeira.
A deportista sénior do club coruñés María Barbeito, subcampioa de España o pasado ano, compartiu a súa experiencia co alumnado de primeiro e segundo de primaria para animalo a incorporar a actividade física á súa rutina e a adquirir hábitos de vida saudables. O encontro tamén serviu para destacar a importancia de coidar o medio ambiente e manter o vínculo coa identidade mariñeira de Barreiros.
Durante a actividade, Candela puxo en movemento os nenos e nenas do centro e aproveitou os xogos para transmitir valores como o respecto polas regras e polos adversarios. Tamén incidiu na importancia de axudar a quen cae durante unha actividade e de continuar xogando desde a compañeirismo.
A ximnasta explicou que chegar antes á meta non debe impedir animar a quen aínda non rematou, unha mensaxe coa que quixo destacar que o respecto e a solidariedade son fundamentais tanto nas competicións como na vida cotiá.
O deporte como investimento en saúde
Martínez Bobo animou os escolares a iniciarse na práctica deportiva desde idades temperás e a manter unha vida activa como forma de medrar sans e fortes. Ademais, convidounos a aproveitar as posibilidades que ofrece a praia para facer exercicio e divertirse con actividades como o voleibol, as palas, o brilé, o fútbol, a natación ou o surf.
Na visita tamén participou a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, que animou os nenos e nenas a compartir coas súas familias o aprendido no proxecto. A rexedora destacou a importancia de trasladar estas experiencias á casa e promover actividades ao aire libre nas que poida participar toda a familia.
O obradoiro forma parte dunha iniciativa que pretende achegar o deporte e os hábitos saudables á infancia, ao tempo que reforza a relación das novas xeracións coa contorna natural e litoral do municipio.