A XI Subida á Pontenova quece motores

AMariñaXa
Cada vez queda menos para celebrar unha nova edición da Subida A Pontenova, unha proba deportiva que puntúa para o Campionato Galego de Montaña
Subida-A-Pontenova-presentación
1 Xul 2024

Como xa vén sendo tradición na Pontenova, na primeira fin de semana de xullo volverán ruxir os motores. A Escudería A Pontenova, grupo organizador da Subida A Pontenova, organiza a décimo primeira edición da cita. Esta cita será os vindeiros 6 e 7 de xullo e conta co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 7.000 euros á organización da proba, e a colaboración do Concello e da Xunta de Galiza. O rally, que puntúa para o Campionato Galego de Montaña, mantén o trazado habitual, quilómetros pola estrada LU-P-4803,  que sae desde a zona do Camiño da Feira da Pontenova cara a Augaxosa (Riotorto).

A Praza dos Fornos acollerá o parque de custodia, no que se concentrarán os vehículos durante a mañá do sábado para realizar as verificacións técnicas e administrativas previas á carreira, que se disputará en catro mangas cronometradas. Dúas na tarde do sábado -6 de xuño- e outros dúas o domingo – 7 de xuño- pola mañá. O sábado a partir das 9.00 horas, na praza dos Fornos, terá lugar as verificación administrativas e a partir das 9.30 as técnicas. A lista para os autorizados a tomar a saída será ás 13.30. Posteriormente será a primeira manga de adestramentos que dará paso ás dúas primeiras carreiras oficiais. O programa continúa ás 8.30 o domingo coa presentación de pilotos para dar paso á segunda manga de adestramentos. Finalmente, terán lugar as dúas últimas carreiras.

O trazado pasa polas parroquias de Vilameá, Rececende e Santo Estevo, con puntos especialmente atractivos para as afeccionadas e afeccionados como o paso polas curvas das Cruces e da Picota e por Vilar das Pedras. A organización ofrece servizo de transporte gratuíto para facilitar o desprazamento polo percorrido e tamén retransmitirá a proba, a través da canle de YouTube da Federacio Gallega de Automobilismo.

Ademais, durante a fin de semana, instalarase na Casa da Cultura da Pontenova un simulador  co percorrido da Subida, para que as persoas interesadas poidan probar a súa habilidade ao volante de xeito virtual. Na presentación, o deputado d  Rural, Mar e Mocidade Daniel García valorou “o traballo da escudaría local na organización da proba” e destacou “a repercusión deportiva do rally, que se consolidou como un referente do motor en Galiza, e tamén o dinamismo social que acompaña este tipo de probas pola gran seguimento que teñen por parte de afeccionadas e afeccionados de todo o país e de Asturias”.

No acto, tamén participaron representantes da Escuderia Pontenova, a tenente alcalde e concelleira de Benestar Social e Participación Cidadá, Isabel Couto,  o concelleiro Xorxe Gómez do BNG Xorxe Gómez e o xefe territorial de Cultura e Xuventude, Manuel Fernandez, e representantes da Federación Galega de Automobilismo. A falta dos datos de inscrición definitivos,  a escudaría local será protagonista na estrada, coa participación de catro pilotos baixo o seu paraugas: Adrián Ron Fernandez,  que debuta nunha competición federada, Cesar Diaz Perez e Javier López García. Tamén correrá como piloto da escudaría pontenovesa José Alonso Liste, que está a disputar o campionato galego cun Formula 3 preparado polo alumnado do CIFP As Mercedes de Lugo.

0.087477207183838