A XI Media Maratón Ribadeo-As Catedrais bate récord de participación con 1.076 inscritos

Ribadeo prepárase para vivir unha das súas xornadas deportivas máis esperadas. Este sábado, 13 de setembro, disputarase a XI Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, unha proba que este ano acada un novo récord de participación con 1.076 persoas inscritas.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou que “a Media Maratón vai a máis e cada ano suma máis interese. Esta décimo primeira edición supón unha marca histórica de participación e confirma o atractivo desta carreira”. O edil subliñou que non só os corredores, senón tamén os seus acompañantes, poderán gozar dunha fin de semana marcada polo deporte e polas paisaxes únicas da Mariña.
Silvent puxo en valor o retorno económico para a vila, xa que boa parte dos participantes chegan desde outras provincias. “Moitas destas persoas van pernoitar en Ribadeo, ademais de consumir nos nosos restaurantes e bares, prolongando así a boa tempada turística vivida en xullo e agosto”, explicou. O concelleiro agradeceu tamén o patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte e a colaboración doutras firmas que fan posible a celebración da proba.
A organización confirmou que a retirada de dorsais poderá facerse o sábado na Casa do Concello entre as 11:15 e as 13:00 horas, e de novo pola tarde, de 15:00 a 16:45 horas. Os atletas terán á súa disposición os vestiarios do pavillón polideportivo municipal da avenida de Luarca, tanto para cambiarse antes da carreira como para ducharse unha vez rematada. Ademais, haberá autobuses para o traslado desde a praia das Catedrais ata Ribadeo entre as 14:45 e as 16:30 horas.
A saída da carreira está prevista para as 17:00 horas nas inmediacións do Pazo de Ibáñez, epicentro dunha cita que xa se consolidou como referencia no calendario deportivo galego.