A X Run Foz Run Nadal volverá encher as rúas de deporte e festa o 21 de decembro

Foz
AMariñaXa
A cita combina carreiras para todas as idades e unha andaina de 7 km cun percorrido completamente urbano
Run-Foz-Nadal-2025
10 Dec 2025

A vila de Foz prepárase para celebrar unha das súas citas deportivas máis emblemáticas: a décima edición da Run Foz Run Nadal, que terá lugar o domingo 21 de decembro cun programa pensado para corredores de todas as categorías e tamén para quen prefira camiñar e vivir o ambiente da proba doutro xeito.

A partir das 16:15 horas dará comezo a Andaina de Nadal, unha ruta de 7 quilómetros con saída na praza Rosalía de Castro, coñecida como Campo da Cabana. Un cuarto de hora máis tarde, ás 16:30 horas, iniciarase a quenda das categorías infantís, que percorrerán distancias adaptadas á súa idade: 200 metros para pícaros, 600 para benxamíns, 1.000 para alevíns e 1.800 para infantís e cadetes.

A carreira absoluta está programada para as 17:15 horas. O trazado, de 5.000 metros, discorrerá integramente por rúas urbanas, configurando un circuíto moi rápido e accesible para deportistas de distinto nivel. O tempo máximo permitido será de 50 minutos, aínda que quen o supere poderá completar o percorrido baixo a súa responsabilidade.

A organización lembra que as inscricións se realizarán unicamente en liña ata o mércores 17 de decembro ás 23:59 horas a través da plataforma habilitada, e anima á cidadanía a participar ou achegarse a animar nunha xornada que xa forma parte da tradición deportiva e festiva do Nadal en Foz.

⚙ Configurar cookies
0.08997917175293