A voz dos alcaldes: Rubén García Feije, rexedor de Trabada

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Foi por unha chamada da anterior rexedora, Mayra. É certo que eu non amosaba moito interese daquela pola política, pero desa forma comecei a descubrir un mundo totalmente novo para min.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
Pois na etapa de Mayra eu era concelleiro de Deportes e Saúde. Debido aos cambios nas anteriores eleccións autonómicas pois houbo cambios estruturais e onde se deu a situación na que me atopo agora.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Dedicarlle 24 horas os 365 días do ano. É dicir, estar sempre en alerta das emerxencias que se poidan dar, pero ben é certo que hai que ter moi organizado o día a día.
E beneficios?
O primeiro foi descubrir a política local, é que me gusta. É certo que sempre me gustou traballar de cara ao público e o trato directo coa xente. Tamén a sensación reconfortante que sentes cando lle axudas a un veciño, e non falo de grandes actuacións senón dos pequenos detalles. Poder axudarlle á xente e que sigan avanzando no seu día a día é moi gratificante.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
A verdade é que non o penso. Estou moi centrado en Trabada, teño toda a miña vida persoal e profesional aquí. Polo que o meu obxectivo é seguir traballando para a veciñanza, e seguir executando diferentes programas a curto e longo prazo. Non penso máis aló, non son desas persoas que pensan moito no que poida vir o día de mañá, eu son máis de gozar o día a día, certo é que hai que ter unha planificación do traballo, pero non me obsesiono co que poida vir no futuro.
E como encara o Goberno de cara á próxima lexislatura?
Con moitas ganas e moita ilusión. Son unha persoa que actúa e se move polas ilusións e as motivacións, e por sorte desenvolvo un traballo que me gusta. Teño na mente seguir cos proxectos que temos en marcha. No ámbito social, como as escolas e as súas rehabilitacións para aumentar o seu número no municipio. Despois co día a día, non quero presentar grandes proxectos senón ter unha atención directa aos veciños. Que un veciño chegue e poda falar comigo e eu poda atoparlle solución, darlle consello ou asesoralo como mellor poda.
Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?
Polo momento non me tocou vivilo. Pero creo que sempre hai que mirar o ben da veciñanza, e no hipotético caso de que me toque vivilo, pois habería que sentarse, falar e negociar. En calquera tarefa da vida, hai que falar as cousas con tranquilidade e con calma. E como digo, sempre mirando o fin único que neste caso ten que ser en beneficio aos veciños do concello que representamos.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Dentro do tema social, seguiremos protexendo aos colectivos máis vulnerables, e para as familias que podan asentarse nun futuro no nosos Concello. Eu creo que pode resumirse en: mirar máis aló das grandes obras e infraestruturas e centrarse nas persoas.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Por sorte ou por desgracia somos un de tantos concellos pequenos que existen polo que temos que loitar contra a despoboación. Por iso levamos a cabo programas neste senso, como o de arranxar as antigas escolas para convertelas en vivendas. E tamén esperamos que nos vindeiros meses quede resolto o problema coas telecomunicacións coa posta da fibra óptica e a mellora da cobertura móbil.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
En canto a obras de melloras e infraestruturas, o proxecto do que me sinto máis orgullosos é a construción do Centro social na ría de Abres, por fin se puido facer despois de tantos anos. E téñolle esta especial ilusión porque era a única parroquia que non tiña local para os veciños.
Despois, síntome moi orgulloso tamén do programa de alugueiro social das antigas escolas. Faime especial ilusión, e sobre todo que ten moito sentimento pois foron esas antigas escolas de mestres onde as xeracións pasadas como os nosos pais ou nosos avós foron á escola polo que contan cun valor engadido. Conseguir rehabilitalas e poder sacalas en alugueiro social, é unha gran ilusión.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Eu creo que o que destacan é que son unha persoa próxima. A xente entra no Concello é a miña porta sempre está aberta, sempre poden falar comigo e chamarme, porque eu son un veciño máis. Eu intento tratar a todos como me gustaría que me trataran.
Como é a súa relación coa oposición?
Eu sempre digo que comigo pode falar calquera persoa e calquera veciño de Trabada, e eu sempre intento atender todas as demandas. É así o fago incluso cos membros da oposición. Sempre, cando o queiran, aquí estou para escoitalos. Tamén é certo que non nós están a aportar nada positivo, polo menos nestes case dous anos que levo na Alcaldía. Non están a aportar nada que sume para o noso concello, senón todo o contrario, as veces parece que intentan poñernos trabas no que é o traballo do día a día
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
35, casado, con dous fillos, neno e nena - Profesión e formación
Autónomo emprendedor, unha vez rematado o instituto centreime no mundo do deporte. - E si non foras alcalde que che gustaría ser?
Seguiría sendo autónomo emprendedor, pois antes da Alcaldía xa tiña os meus negocios - Que quería ser de maior?
Futbolista. Sempre me gustou moito o deporte. - Que fas para desconectar?
Pois xogo ao fútbol sala no equipo local, son afeccionado á moto, e unha gran fonte de desconexión son os meus cativos. - Unha virtude e un defecto.
Eu diría que a miña virtude é que actúo sempre de boa fe, empatizando moito coa xente. E defecto, que cando me centro nunha tarefa teño que rematala, si ou si e canto antes. - Un consello para compartir.
A vida é moi curta, e hai que desfrutala segundo se nos presenta, e afrontar os problemas como mellor podamos. - Un libro.
Non son moi afeccionado, pero téñolle ganas a Ken Follet xa que a miña nai é moi afeccionado a este autor. - Unha película.
Lo imposible de Juan Antonio Bayona - Un grupo de música.
Linkin Park e Siloé - Unha afección.
O deporte en xeral, xa que é bo para corpo e mente - Un lugar que visitar.
Aquí en Trabada, as Fragas da Becerreira e a de Villapena. E despois, Islandia. - Unha comida e unha bebida.
O caldo galego que fai a miña nai, e o zume de laranxa natural - Unha personaxe admirada.
Meu avó. Porque foi un loitador desde o punto de vista político. - Unha posesión prezada.
Unha camiseta do actual equipo de fútbol sala que nos deran para a nosa familia, en homenaxe a dous xogadores que faleceran e que xogaran no anterior equipo, un deles meu irmán. - Un desexo.
A nivel familiar, moita saúde, e para Trabada, seguir resistindo e medrando. - Algo para esquecer.
Nada, porque as cousas pasan por algo - Que é o que máis valora nunha persoa?
A sinceridade. - Como equilibras a vida pública e a privada?
Fácil, porque é moi similar. A miña parte pública como alcalde, intento desempeñala da mesma forma que como veciño, pois a miña vida está aquí. Este é o meu pobo. - Usas redes sociais e Whatsapp?
Si, ambas. Tanto a nivel particular e como profesional. Gústame estar informado da actualidade - Un desafío pendente.
Viaxar moito máis, coñecer o mundo as costumes e as súas culturas. - Onde te ves en cinco anos?
En Trabada. E se todo vai ben, traballando para os meus veciños.