A voz dos alcaldes: José Manuel Lamela, alcalde de O Valadouro

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Inicieime na política no ano 1995, cando fun concelleiro xunto a Eulogio Fernández Sampayo. Recordo que foi un momento clave, porque comecei a implicarme de maneira activa no concello e a coñecer as necesidades da veciñanza. Eulogio chamoume un día para pedirme se quería formar parte das súas listas e, dende aquel intre, quedei vinculado ao partido.
Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
O impulso chegou no 2011, cando Eulogio se retirou e os compañeiros pedíronme que encabezara eu a lista. Gañamos as eleccións, aínda que sen maioría absoluta, polo que foi necesario o apoio do BNG para gobernar durante dous anos. Nas eleccións seguintes continuei encabezando a lista e agora, tras a dimisión da anterior alcaldesa no 2024, volvo asumir a alcaldía, continuando o traballo iniciado anos atrás e mantendo o compromiso coas veciñas e veciños.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Non considero que haxa un sacrificio directo, pero si que me privou de tempo libre. Agora que estou xubilado, teño que deixar de lado actividades familiares ou momentos persoais para atender asuntos do concello. A administración require moito tempo, desde atender persoas que se achegan ao despacho ata participar en reunións e tomar decisións sobre proxectos ou investimentos.
E beneficios?
O maior beneficio é a satisfacción de ver que se están facendo cousas polo pobo e polos veciños. Cando os proxectos finalizan ou os servizos melloran, sentes que o teu traballo ten sentido. Ademais, a confianza que a veciñanza deposita en ti e o recoñecemento ao teu esforzo son elementos moi valiosos.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Os meus obxectivos son rematar a lexislatura como alcalde cumprindo coas responsabilidades e coas promesas feitas aos veciños. Considero que o importante é consolidar os proxectos en marcha e garantir que se cumpran as necesidades básicas da veciñanza.
E de cara á próxima lexislatura?
Se os meus compañeiros así o consideran, estaría disposto a presentarme de novo. Antes quero centrarme en rematar esta etapa con todos os proxectos en curso.
Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?
Non. Para levar adiante as ideas importantes, creo que é fundamental ter maioría absoluta. Nos pactos cada un mira polos seus intereses, o que pode limitar a capacidade de tomar decisións en beneficio do pobo.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Seguir apoiando ás asociacións locais e rematar proxectos xa iniciados, como a remodelación da Praza de Santa María, e manter as pistas e infraestruturas municipais en bo estado. É fundamental que a veciñanza perciba que o Concello está activo e que se inviste en mellorar a calidade de vida.
Cales considera que son as principais necesidades do seu concello?
As principais necesidades son máis postos de traballo e novas vivendas. Sen emprego estable e espazos dignos para vivir, é difícil que o concello medre e se desenvolva.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
As subvencións conseguidas para proxectos como a remodelación da praza ou o cambio de cuberta do polideportivo. Son accións que melloran a vida diaria e que os veciños perciben directamente.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Que son unha persoa normal, accesible, coa que se pode falar en calquera momento. Que estou disposto a escoitar e atender os problemas que se me presenten.
Como é a súa relación coa oposición?
A relación é normal. Hai debates e diferenzas, pero sempre se intenta atopar puntos de acordo para que o concello funcione da mellor forma posible.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
Teño 72 anos, estou casado e teño dous fillos e tres netos. - Profesión e formación
Son Mestre industrial e electricista. Botei 43 anos levando o mantemento de máquinas nunha empresa. - E se non foras alcalde que che gustaría ser?
Volvería a facer o mesmo. - Que quería ser de maior?
Xa son maior (risas). - Que fas para desconectar?
Gústame moito a mecánica e a rehabilitación de motos. - Unha virtude e un defecto?
Como virtude, pois que vou de fronte e que tomo as cousas con calma. E defecto, que igual son demasiado impulsivo algunhas veces. - Un consello para compartir.
Que hai que ser sincero e desfrutar da vida - Un libro.
Non son moito de libros. - Unha película.
Calquera película do Oeste. - Un grupo de música.
Pois en xeral gústanme todos os dos anos 60. - Unha afección.
As motos antigas. - Un lugar que visitar.
Italia. - Unha comida e unha bebida.
Cocido e un viño Ribera del Duero. - Unha personaxe admirada.
O meu pai. - Unha posesión prezada.
A miña casa, que me costou moito tempo facela. - Un desexo.
O tempo que viva, vivilo con saúde. - Algo para esquecer.
Nada. - Que é o que máis valora nunha persoa?
A sinceridade. - Como equilibras a vida pública e a privada?
A verdade que sen problema ningún. - Usas redes sociais e Whatsapp?
Si, Facebook e Whatsapp pero intento usalo o menos posible. - Un desafío pendente.
Facer un cruceiro. - Onde te ves en cinco anos?
Hai que ir día a día.