A voz dos alcaldes: Jesús Novo Martínez, alcalde de O Vicedo

AMariñaXa
O alcalde de O Vicedo reflexiona sobre máis de dúas décadas de vida política, os sacrificios e satisfaccións do seu cargo e os proxectos que aínda quere completar no municipio
Jesus-Novo-alcalde-Vicedo-2025
18 Jan 2026

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Comecei na política como concelleiro alá polo ano 1991. E no ano 2001 tomei posesión da Alcaldía, e desde ese ano ata hoxe, sigo aquí como rexedor.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

Era concelleiro no Vicedo por AIPV (Agrupación Independentes para Vicedo) e substituín ao alcalde Isaac Prado Villapol logo da súa dimisión en xaneiro de 2001. Xa nas eleccións municipais de 2003 encabecei a lista do PPdeG obtendo a maioría absoluta, que repetín nas seguintes eleccións.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Ser rexedor supón bastantes sacrificios, entre outras cousas pois en moitos dos casos, hai que dar exemplo, outras veces hai que deixar a vida persoal por compatibilizar coa vida política.

E beneficios?

Pois o maior beneficio é que estás traballando polo teu pobo, e iso é importante. Hai que dicir que eu levo dez anos xubilado, xubileime con 56,  e non cobro ningún soldo do Concello. O único que cobro do Concello son as comisións de asuntos de Goberno, comisións que poda haber no Concello ou os plenos. Ou sexa, o mesmo que calquera concelleiro.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Pois os meus obxectivos a nivel político son os de rematar esta lexislatura e terminar a miña vida política aquí. A verdade é que xa tiven algunha proposta política para dar pulo á miña carreira, pero ben, non teño máis interese que a Alcaldía do Vicedo, posto que é onde realmente se fai o traballo, e onde realmente estás coa xente.

E como Goberno de cara á próxima lexislatura?

Pois non podo dicilo xa que hoxe en día non teño claro se me vou presentar ou non ás vindeiras eleccións. Así que polo momento so podo dicir iso.

Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?

Estou totalmente a favor dos pactos cando serven para garantir un goberno sólido e funcional. Sempre fun unha persoa aberta ao diálogo e á negociación, e non teño inconveniente ningún en chegar a acordos. Iso si, considero importante diferenciar o ámbito local doutros niveis da política, xa que a realidade municipal non funciona do mesmo xeito que as estruturas máis altas. Tal e como está organizado hoxe o sistema político, resulta en ocasións pouco coherente, e estou convencido de que, se houbese máis vontade de pacto, a situación sería moi distinta.

Cales son as principais liñas do seu programa?

A día de hoxe, hai que poñer a andar o Centro de Día, si ou si. Tamén rematar o paseo marítimo totalmente ata o porto, esa é unha das nosas ilusións é tamén recuperar a praia de Fomento. Por outra banda mellorar e investir nos servizos sociais, pois hai moita xente maior.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Temos moitas, eu creo que o máis importante é seguir mellorando nos servizos aos nosos maiores. Obviamente hai que seguir mellorando e avanzando en infraestruturas como as estradas aos diferentes núcleos, ou os saneamentos nas parroquias.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

O paseo da praia de Fomento. Sempre me fixo moita ilusión e xa estamos avanzando nese senso. Aínda hai que rematar ese proxecto pero vamos dando pequenos pasos.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Pois que son unha persoa máis, un amigo, un compañeiro. Un veciño máis.

Como é a súa relación coa oposición?

Para min temos unha relación cordial. Facemos o noso traballo, cada un no seu ámbito. Pero eu creo que é moi normal.

 

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    66 anos, teño dúas fillas e tres netos
  • Profesión e formación
    Patrón de pesca de altura.
  • E se non foras alcalde que che gustaría ser?
    Seguiría sendo pescador.
  • Que quería ser de maior?
    Sempre me gustou o mar. Por iso a miña profesión foi patrón de pesca.
  • Que fas para desconectar?
    Pois teño un pequeno barco e vou pescar sempre que podo.
  • Un consello para compartir.
    Fai ben e non mires a quen.
  • Un libro.
    Calquera das novelas de Alberto Vázquez Figueroa.
  • Unha película.
    Gústanme moitas, pero teño que destacar La Tormenta Perfecta.
  • Un grupo de música.
    Gústame o merengue, a salsa ou a bachata.
  • Unha afección.
    A pesca.
  • Un lugar que visitar.
    Teño pendente visitar Exipto.
  • Unha comida e unha bebida.
    Encántame o cocido e os pratos de culler. Tamén o viño da Rioxa.
  • Unha personaxe admirada.
    Hai moitas persoas dignas de admirar. Pero se teño que elixir un político diría a Manuel Fraga, e un compositor de música, Beethoven.
  • Unha posesión prezada.
    Eu diría que me gusta máis o arraigo a unha cousa máis que nada.
  • Un desexo.
    Que a todos nos vaia o mellor posible na vida. Que todos compartamos bos momentos e desfrutemos da familia e amigos.
  • Algo para esquecer.
    Eu creo que as cousas para esquecer veñen acompañadas das malas sempre. Polo que estou conforme co que fun e fixen ao longo da miña vida, e non teño case nada que esquecer.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A fidelidade e que non enganen a ninguén.
  • Como equilibras a vida pública e a privada?
    Pola mañá no Concello, e pola tarde trato de espallarme un pouco.
  • Usas redes sociais e Whatsapp?
    Só Whasapp. As demais redes non me gustan.
  • Un desafío pendente.
    Viaxar a Exipto.
  • Onde te ves en cinco anos?
    Oxalá que con saúde e viaxando.
⚙ Configurar cookies
0.077368974685669