A voz dos alcaldes: Efigenia Maseda Paz, rexedora de Alfoz

AMariñaXa
A alcaldesa, Efigenia Maseda, repasa o seu camiño político, os sacrificios persoais do cargo e as prioridades dun goberno que aposta pola proximidade e polos servizos públicos
efigenia-maseda-VIA-alfoz-1
11 Jan 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Nunha reunión de varios veciños do concello, polo mes de marzo do ano 2015, na que se traballaba coa idea de conformar unha agrupación de electores e concorrer ás eleccións de maio dese ano. Convocoume Xabier Pardiñas xunto con outras persoas, que hoxe forman parte do partido VIA ALFOZ.

Como deu o salto e recibiu impulso para ser alcalde?

Cun cambio de última hora na lista de candidatos ás eleccións de 2023. O candidato non puido seguir na primeira liña política e asumín ir primeira na lista. Esto sumado a que o partido resultou ser a segunda forza política nos comicios, logrando un dos seus mellores resultados, traballamos para cumprir a palabra coa veciñanza xa que lles dixéramos: alcaldía ou oposición.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

A falta de tempo para adicarlle a cuestións persoais e familiares pois este é un servizo de 24 horas os 365 días do ano, a atención a miña vida persoal xira marcada polas necesidades da veciñanza.

E beneficios?

O trato persoal cos veciños e veciñas e a satisfacción do traballo feito sobre todo cando es capaz de levalo a bo término, por pequeno que sexa o logro.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Rematar a lexislatura acadando o maior número de obxectivos planificados, intentar poñer en marcha proxectos “in mente” que melloren Alfoz e rematar coa sensación de que se fixo un bo traballo.

E como Goberno cara a próxima lexislatura?

Estou centrada no presente, no día a día do Concello e dos veciños e veciñas, non son quen de facer plans a longo prazo, porque moitas veces é fácil que se torzan polo camiño, pero podería resumilo en seguir atopando solucións aos problemas dos veciños e veciñas e traballando por Alfoz.

Está a favor dos pactos para conformar un goberno estable?

Si, nesta lexislatura VIA ALFOZ ten un pacto de goberno co PSOE, no que ambos tratamos de traballar xuntos para mellorar a vida da veciñanza do concello de Alfoz, eles son quen nos elixiron e neles ten que reverter o noso traballo.

Cales son as 3 principais liñas do seu programa?

Seguir mellorando as Infraestruturas a través da modernización e a eficiencia enerxética dos edificios, actualizándoas aos tempos que corren, e a mellora das vías do municipio. Continuar potenciando os Servizos como o Servizo de Axuda no Fogar, pois apoiamos as familias ás que non lles chegan outras axudas xa que son coidadoras de persoas con dependencia. Así como os Servizos de axudas por natalidade, aos centros educativos das distintas etapas e ás actividades de ocio e tempo libre, potenciando así o asentamento da poboación. E, entre outras, seguir colaborando coa Mancomunidade para que Alfoz sexa o centro do turismo da Mariña coa creación do Centro de Interpretación do Mariscal Pardo de Cela no noso castelo.

Cales considera que son as principais necesidades no seu Concello?

O noso gran problema e que compartimos con todos os concellos rurais de Galicia, é o avellentamento da poboación, a súa dispersión xeográfica e o acceso á vivenda. Para suplir estas necesidades, precísanse de políticas comprometidas a outros niveis que non é o local.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

Teño varios, por dicir algún, empezaría polo principio que foi conseguir que as mesas de pedra da área recreativa do Castelo de Castrodouro se renovasen e conservasen a súa localización orixinal e que a comisión do Mercado Medieval de Alfoz recuperase a batuta da reactivación, que nesta edición cumpriu a súa edición número XXV. Tamén ver como se melloran e modernizan as instalacións locais que son un patrimonio que ten toda a veciñanza de Alfoz.

Que lle gustaría que os veciños visen de vostede como alcaldesa?

Que todas as veciñas e veciños de Alfoz me vexan como unha máis deles porque en todo momento e lugar poden falar comigo ou preguntarme polo que precisen sen ningún tipo de escolla. Aínda que non teña a resposta precisa nese momento sempre trato de buscala.

Como é a súa relación coa oposición?

Boa, con algúns deles teño máis trato persoal que con outros, cando quixeron e queiran falar comigo sempre teñen as portas abertas.

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    61 anos, solteira e teño un fillo.
  • Profesión e formación
    Profesora, Licenciada en Filoloxía Clásica.
  • E se non foras alcalde que che gustaría ser?
    Profesora, pois xa o era e sígoo a ser.
  • Que quería ser de maior?
    Sempre tiven moi claro que quería ser profesora.
  • Que fas para desconectar?
    Coidar o meu horto particular e de autoconsumo.
  • Unha virtude e un defecto.
    A paciencia, por partida dobre, tanto de virtude coma de defecto.
  • Un consello para compartir.
    Carpe diem.
  • Un libro.
    El Lazarillo de Tormes, que segue vixente en pleno século XXI.
  • Unha película.
    Gladiator.
  • Un grupo de música.
    Rozalén ou Sés, no mesmo chanzo.
  • Unha afección.
    A costura.
  • Un lugar que visitar.
    Italia a nivel internacional e a nivel nacional Mérida.
  • Unha comida e unha bebida.
    A lasaña e unha clara de limón.
  • Unha personaxe admirada.
    O meu pai, porque lle tocou vivir malos tempos e soubo saír a flote e nunca a costas de ninguén, so da súa peculiar visión do futuro e do traballo del e da miña nai.
  • Unha posesión prezada.
    Unha touca (toquilla) negra de miña avoa paterna e os seus pendentes.
  • Un desexo.
    Saúde para todas e todos, pois se a hai o resto faise con traballo.
  • Algo para esquecer.
    Nada, o bo hai que recordalo e o malo tamén pois sempre se aprende máis del ca do bo.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A honradez.
  • Como equilibras a vida pública e a privada?
    Intento que unha non pase por riba da outra, aínda que o importante non sexa a cantidade do tempo senón a calidade.
  • Usas redes sociais e Whatsapp?
    Si. Facebook e WhatsApp.
  • Un desafío pendente.
    Facer algunha das viaxes canceladas por falta de tempo.
  • Onde te ves en cinco anos?
    En Alfoz, traballando e a piques de xubilarme.
⚙ Configurar cookies
0.077925205230713