A voz dos alcaldes: Darío Campos Conde, alcalde de A Pontenova

AMariñaXa
O rexedor pontenovés, veterinario de profesión, é alcalde desde 2007 e cumpre a súa quinta lexislatura, cunha traxectoria marcada pola proximidade e o compromiso coa veciñanza
dario-campos-alcalde-pontenova
8 Apr 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política.

A miña entrada na política foi, sinceramente, algo totalmente inesperado. Nunca pensei que acabaría dedicándome a isto nin moito menos chegar ata onde cheguei. Non tiña contacto previo coa política nin unha especial inclinación por este mundo. Todo xurdiu de maneira bastante casual, a partir dun grupo de amigos que me foron animando a formar parte dunha candidatura porque compartiamos a sensación de que as cousas no concello non se estaban facendo todo o ben que deberían. Para facerse unha idea, cando comecei case non sabía nin o que era un pleno municipal nin unha xunta de goberno.

Como deu o salto definitivo ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Foi unha evolución natural. Cando te involucras nun proxecto colectivo ese paso acaba chegando. Non foi algo buscado de maneira ambiciosa, senón unha consecuencia do compromiso adquirido co equipo e coa veciñanza.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Non o considero un sacrificio no sentido estrito da palabra, porque ninguén nos obriga a estar aquí. Estamos de forma voluntaria. Se realmente supuxese un esforzo insoportable, simplemente non seriamos alcaldes. Iso si, a nivel familiar hai unha perda evidente: quítache tempo libre, actos familiares, momentos de descanso. Iso é indiscutible e nótase, como en calquera outro traballo con moita responsabilidade. Tamén hai momentos nos que o traballo pode resultar frustrante, no sentido de que comezas un proxecto hoxe e non ves resultados ata dentro de varios anos. A política municipal é moitas veces de fondo, de paciencia e constancia.

E que beneficios lle aporta?

En primeiro lugar, un salario máis ou menos digno, que tamén é importante. Pero, sobre todo, o beneficio persoal e emocional. Sentirse ben cando sacas algo adiante, cando ves que unha iniciativa mellora a vida da xente, compensa moitas cousas. Traballar cara ao público non é doado; ás veces paga a pena e outras non tanto, porque a crítica é constante.

Ademais, a xente ten unha memoria moi curta. Moitas veces esquécense rapidamente os esforzos realizados. Pero o obxectivo sempre é o mesmo: mellorar a calidade de vida de todos os veciños.

Quizais é máis doado gobernar nunha vila pequena?

Todo o contrario. Nun concello pequeno estás moito máis exposto. A xente coñécete e chámanche directamente por calquera problema: cae unha árbore, hai unha avaría na auga, despréndense unhas pedras… Non hai filtros nin distancias. Iso fai que o traballo sexa moi directo, pero tamén moi esixente.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Non aspiro a máis. Xa fun presidente da Deputación, e foi unha etapa dura. Tal e como está a política actualmente, non teño interese en volver a ese nivel. Prefiro centrarme no meu concello, no traballo diario e próximo.

E como Goberno, de cara á próxima lexislatura?

Con ilusión, coma se fose a primeira. Hai que traballar polos veciños, con sentido común e sensatez. Esa é a clave para manter a confianza da xente.

Está a favor dos pactos para conformar gobernos estables?

Sen dúbida. Alguén ten que gobernar e tomar decisións, e iso require vontade de negociación. Xa o vivín cando fun presidente da Deputación, onde durante catro anos se aprobaron os orzamentos grazas a pactos. A cidadanía pide acordos, porque xa non existen maiorías absolutas na maioría dos sitios.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Continuar cos proxectos xa iniciados e apostar por dous grandes piares: a residencia de maiores, fundamental para o concello, e a Ferrería de Bogo, un proxecto que me fai especial ilusión a nivel persoal.

Cales son as principais necesidades do concello?

As comunicacións, para garantir o acceso a todas as parroquias e lugares. Tamén ampliar a gardería, para o que estamos transformando a antiga vivenda do conserxe do colexio. Seguir apostando polo turismo e, sobre todo, atender ás persoas maiores do rural, axudándoas con servizos básicos como o abastecemento de auga.

Que lle gustaría que visen os veciños en vostede como alcalde?

Que son unha persoa de confianza, próxima, que tenta mellorarlles a vida nas pequenas cousas que están ao seu alcance.

E a relación coa oposición?

Moi boa. Hai diálogo e respecto. De feito, no 90 % dos asuntos chegamos a acordos por maioría, o que demostra que cando hai vontade, pódese traballar polo ben común.

 

 

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    60 anos, casado e con 3 fillos.
  • Profesión e formación
    Veterinario.
  • Que quería ser de maior?
    Veterinario ou policía.
  • Que fas para desconectar?
    Xogo ao pádel e fago algo de deporte.
  • Unha virtude e un defecto.
    Son moi traballador, pero peco de ser unha persoa impuntual.
  • Un consello para compartir.
    Actúa e fai as cousas como che gustaría que chas fixeran a ti.
  • Un libro.
    Agora mesmo non estou lendo nada.
  • Unha película.
    Gústame o cine en xeral. Teño especial agarimo a Sempre Xonxa.
  • Un grupo de música.
    Gústame calquera estilo, pero por exemplo encántame Queen.
  • Unha afección.
    Son moi afeccionado ao fútbol, de feito xoguei cos veteranos.
  • Un lugar que visitar.
    Calquera sitio de A Pontenova.
  • Unha comida e unha bebida.
    Un arroz ou unha boa carne, acompañado dun bo viño.
  • Unha personaxe admirada.
    Enrique Tierno Galván.
  • Unha posesión prezada.
    A miña casa, que me costou moito esforzo facela.
  • Un desexo.
    Que a familia teña saúde.
  • Algo para esquecer.
    Nada. Se o fas é por algo, non vale a pena arrepentirse.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A honradez e a humildade.
  • Como equilibras a vida pública e a privada?
    Si, polo momento bastante ben. De feito é máis sinxelo de alcalde que de presidente da Deputación.
  • Un desafío pendente.
    Vivir tranquilo e coa miña familia.
  • Onde te ves en cinco anos?
    Espero que na miña vila, viaxando un pouco máis. Pero non me vexo na política, ou non o creo.
0.13718891143799