A voz dos alcaldes: Clemente Iglesias González, alcalde de Riotorto

Como se vinculou ao seu partido?
No ano 207 afilieime o Partido Popular da man do alcalde Castrín, estiven axudándolle moitos anos dende que entrei no concello no ano 1999. No ano 2011 presenteime por primeira vez como candidato a Alcaldía, non obtendo a maioría absoluta por tan só 3 votos. Esa derrota fíxome aínda máis forte e seguín loitando para gañar a confianza da xente, cousa que conseguín no ano 2015 accedendo a Alcaldía.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?
Pois a verdade e que perdes tempo de estar cos teus, de facer cousas na casa pero intento compaxinar a enorme dedicación que tes na alcaldía cos compromisos, actos políticos e estar coa familia e amigos.
E beneficios?
Síntome con unha enorme satisfacción cando consigo levar proxectos adiante que demanda a cidadanía. Proxectos que melloran o día a día da poboación, máis e mellores servizos, en definitiva e gratificante poder axudar a que os veciños e veciñas de Riotorto teñan unha mellor calidade de vida.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
A política local é moi difícil xa que estas en contacto directo a diario coa xente, pero tamén é a máis agradecida, estou cómodo e sei desenvolverme ben neste terreo. A proximidade, a honestidade e a insistencia en pedir recursos son valores que me caracterizan e que a xente o final valora. Son moi tenaz e ata que o consigo non paro.
O meu obxectivo é seguir tendo o apoio e recoñecemento dos meus veciños e seguir sendo alcalde do meu pobo, que é o que me gusta.
E como Goberno de cara á próxima lexislatura?
Poñer en marcha e en funcionamento a residencia da terceira idade, que agora mesmo está en construción. 37 veciños/as de Riotorto poderán dispoñer deste servizo tan demandado e que xerará en torno a 15 empregos directos e unha actividade económica en torno a este recurso.
Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?
Penso que son unha persoa dialogante e que podería chegar a acordos si foran necesarios con outros grupos políticos, intento sempre buscar o máximo benestar para o pobo independente de quen propoña eses proxectos. Defendo e defenderei os intereses dos meus veciños por encima das siglas.
A veces a oposición é boa para facer propostas e proxectos beneficiosas para o territorio pero sinceramente si me dan a escoller prefiro gobernar cos meus concelleiros en maioría absoluta.
Cales son as principais liñas do seu programa?
O piar fundamental do noso programa son os servizos sociais e asistenciais, a posta en marcha da residencia da terceira idade , mellorar e incrementar os servizos de axuda no fogar, servizos de podoloxía, nutrición…. E de conciliación familiar.
A mellora dos accesos aos núcleos de poboación, xerar emprego, a mellora de locais sociais, proxectos de saneamento e abastecemento, promoción turística do municipio e poñer en valor os produtos da zona son os nosos obxectivos na vindeira lexislatura.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
As demandas fundamentais son as relacionadas coa terceira idade, un bo servizo de SAF a residencia de maiores e outros recursos postos a disposición deste colectivo.
A mellora das vías municipais, a prestación de servizos básicos(luz pública, auga e saneamento e a promoción turística do municipio e a posta en valor dos nosos artesáns e dos produtos da zona.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Sen dúbida, hai varios que marcaron unha diferenza importante para a nosa comunidade. Primeiro, conseguir o financiamento necesaria para construír en Riotorto unha residencia da terceira idade con 37 prazas, un proxecto que dá respostas reais ás necesidades da poboación maior. Tamén estou orgulloso da posta en marcha da Casa Niño e das dúas Casas do Maior, que amplían os servizos sociais e fomentan a convivencia interxeracional. No ámbito deportivo, resáltanse a mellora da pista de pádel, da pista multideporte e do ximnasio municipal gratuíto, que animan á veciñanza a practicar deporte e manter hábitos saudables. A mellora das estradas municipais, co 75 % das pistas en aglomerado, facilitou o acceso aos distintos núcleos. Ademais, a rede de centros veciñais, incrementada ata 11 escolas con mellores locais e servizos culturais e deportivos, a rehabilitación de tres vivendas de mestres para alugueiro social e a mellora e sinalización das rutas de sendeirismo (muíños, ruta do ferro e Galegos) son proxectos que tamén considero fundamentais e que reflicten o compromiso coa calidade de vida no municipio.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
50, casado e con 2 fillas. - Profesión e formación
Licenciado en Economía Financeira. - Que quería ser de maior?
Futbolista ou médico. - Que fas para desconectar?
Comer cos meus amigos e familia. - Unha virtude e un defecto.
Honestidade, humildade, responsabilidade e proximidade. Ser a veces algo impulsivo. - Un consello para compartir.
Nunca usar a violencia, e en caso de discusión, ser educado e nunca chegar as mans. - Un libro.
Don Quixote. - Unha película.
Titanic. - Un grupo de música.
Camela. - Unha afección.
Facer sendeirismo. - Un lugar que visitar.
Conxunto etnográfico do Mazo da Fraga. - Unha comida e unha bebida.
Ovos fritos con patacas e Coca Cola. - Unha personaxe admirada.
Bill Gates. - Unha posesión prezada.
Os valores que me inculcaron. - Un desexo.
Paz no mundo. - Algo para esquecer.
Os conflitos mundiais e as guerras. - Que é o que máis valora nunha persoa?
Sinceridade e responsabilidade. - Como equilibras a vida pública e a privada?
Cando me acompaña a familia en actos públicos nos que participo. - Usas redes sociais e Whatsapp?
Si, Whasapp e Facebook. - Un desafío pendente.
Contentar a toda a xente coas decisión e proxectos que se realizan. - Onde te ves en cinco anos?
Gustaríame verme como Alcalde do meu pobo.