A Volta ao Cole premiará as compras en 86 negocios de Foz con vales e unha aventura familiar

O comercio local de Foz prepárase para o inicio do novo curso cunha nova edición da campaña Volta ao Cole, que se desenvolverá entre o 31 de agosto e o 20 de setembro. A iniciativa de Acia Foz-CCA contará coa participación de 86 establecementos e sorteará 400 euros en vales de compra, ademais dun pack de aventura familiar.
As persoas que realicen compras superiores a dez euros nos negocios adheridos recibirán papeletas para participar nos sorteos. En total, a asociación distribuirá 35.000 participacións durante as tres semanas que permanecerá activa a campaña.
Os 400 euros destinados a incentivar as compras repartiranse en catro vales de 100 euros cada un. A estes premios sumarase un pack de aventura pensado para desfrutar en familia. O sorteo celebrarase o 21 de setembro en Radio Foz.
A campaña busca aproveitar un dos períodos de maior actividade comercial do final do verán, coincidindo coa preparación do regreso ás aulas e coa chegada da nova temporada. Librarías, tendas de moda, establecementos deportivos, zapaterías e outros negocios locais ofrecerán diferentes opcións para afrontar as compras relacionadas co comezo do curso e co outono.
O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, destacou que a iniciativa pretende "premiar unha vez máis á fiel clientela do comercio de Foz" e animou á veciñanza a realizar no municipio as compras necesarias para a volta ao cole.
"Mercando en Foz seguimos facendo pobo", sinalou Paleo, quen lembrou que, ademais de apoiar a actividade económica local, os clientes terán a oportunidade de conseguir un dos vales de 100 euros ou o pack de aventura familiar.