A Volta ao Cole da FCAM sortea 500 euros para gastar no comercio local da Mariña

A campaña Volta ao Cole da Federación de Comercio A Mariña (FCAM) continúa aberta ata o vindeiro 30 de setembro coa intención de incentivar as compras nos establecementos locais coincidindo cun período marcado polos gastos relacionados co inicio do curso. A iniciativa repartirá 500 euros en vales de compra entre a clientela do comercio asociado da comarca.
En concreto, a FCAM sorteará o 1 de outubro cinco vales de 100 euros cada un, que as persoas gañadoras poderán empregar nos comercios locais adheridos ás asociacións integradas na Federación.
Participar require realizar unha compra durante setembro nalgún dos establecementos asociados ás Acias ou CCAs que forman parte da FCAM. Posteriormente, deberá enviarse unha fotografía do tícket ao correo electrónico amarinafederacionlugo@gmail.com, indicando na mensaxe "Volta ao cole na Mariña Lucense" e incorporando un número de teléfono de contacto.
A presidenta da Federación de Comercio A Mariña, Carmen Cruzado, explicou que a campaña busca "premiar a fidelidade da clientela no comercio asociado da Mariña". A proposta pretende tamén complementar as accións de volta ao cole que xa desenvolven algunhas das asociacións integradas na entidade e ofrecer unha alternativa ás que non contan cunha iniciativa propia durante estas datas.
Desde a Federación valoran positivamente a resposta obtida ata o momento, aínda que animan a incrementar a participación durante a segunda metade do mes. "A campaña está indo ben. Estamos a recibir fotos dos tíckets de compra, pero queremos que nos cheguen moitos máis", sinalou Cruzado.
A presidenta da FCAM convidou especialmente ás familias da comarca a aproveitar as compras habituais destas semanas para entrar no sorteo. "Animamos ás familias mariñás a aproveitar esta campaña para poder participar no sorteo deses 500 euros, que sempre son moi benvidos nunha época de moitos gastos", apuntou.
A iniciativa permanecerá activa ata finais de setembro e o sorteo dos cinco premios realizarase ao día seguinte, reforzando así a aposta da Federación polo consumo de proximidade e pola fidelización da clientela dos negocios da Mariña.