A viveirense Valeria Fernández logra o bronce no Open Internacional Hebe

A deportista de Viveiro Valeria Fernández Vilar acadou este sábado unha medalla de bronce no Open Internacional Hebe, celebrado en Moaña (Pontevedra), nunha competición que reuniu a algunhas das mellores taekwondistas de Galicia e do conxunto do Estado.
A moza participou na modalidade de combate dentro da categoría júnior P6, nunha franxa de peso na que tivo que enfrontarse a rivais de alto nivel, moitas delas de maior idade. Con tan só 14 anos, Valeria compite xa con deportistas de ata 17 anos, demostrando unha rápida adaptación á súa nova categoría tanto en idade como en peso.
Este novo resultado confirma a regularidade da viveirense nos primeiros meses da tempada, nos que conseguiu manterse no podio en diferentes campionatos galegos e probas de carácter internacional. A súa progresión sitúaa como unha das promesas destacadas do taekwondo na comarca.
Na cita estivo acompañada polos coach nacionais Felipe Fernández e Amaya Vilar, que seguen de preto a súa evolución deportiva.
Desde o Club Taekwondo Jansu-Ujeong e a Asociación Cultural Deportiva Ujeong quixeron destacar o esforzo e compromiso da deportista, así como agradecer o apoio do Concello de Viveiro pola cesión de instalacións para a práctica desta disciplina. Ademais, subliñaron a importancia de continuar impulsando o deporte base e de avanzar na visibilización da muller en ámbitos deportivos tradicionalmente masculinizados.