A VIII Festa do Ovo Frito de Barreiros reúne máis de 1.400 racións no Campo do Cascabeiro

O Campo do Cascabeiro, en Barreiros, acolleu onte a VIII Festa do Ovo Frito, unha cita gastronómica xa consolidada no calendario estival da Mariña que reuniu a veciños e visitantes. En total, a organización vendeu máis de 1.400 racións durante a celebración.
A festa foi organizada polo Celta Barreiros coa colaboración do Concello, nunha xornada na que a gastronomía estivo acompañada pola música e o ambiente ao aire libre.
Desde o club barreirense realizan un balance moi positivo da celebración e destacan que “acabamos as existencias, á xente gustoulle a comida e a música e a natureza puxo o resto, xa que contamos con bo clima. A noite estivo estupenda e novos e maiores gozaron dun prato típico, que nunca defrauda”.
A organización tamén quixo agradecer a participación e o traballo das persoas que fixeron posible a celebración. Neste sentido, trasladou o seu agradecemento “aos amigos, aos veciños e aos turistas que se achegaron ao Cascabeiro á VIII Festa do Ovo Frito”.
O Celta Barreiros puxo igualmente en valor a colaboración das persoas que participaron nos preparativos, especialmente nas tarefas de cociña e montaxe, con palabras de agradecemento “a todas as persoas que nos axudaron a pelar patacas, a cociñar e a colocar mesas e sillas”. A entidade salientou que se trata dun “traballo duro e esixente” e considerou que o resultado foi “de dez”.
Finalmente, a organización agradeceu tamén a colaboración dos Concellos de Barreiros e de Foz na celebración desta oitava edición da Festa do Ovo Frito.