A Vía Verde volve converterse nun circuíto deportivo coa II Carreira entre San Tirso e A Pontenova

AMariñaXa
A proba celebrarase o 20 de setembro con percorridos adaptados para todas as idades e saída dende Santirso de Abres
II-carreira-via-verde-trabada-pontenova-san-tirso-2025
Foto de arquivo
14 Aug 2025

A Vía Verde do Eo volverá cobrar vida o vindeiro sábado 20 de setembro coa celebración da segunda edición da Carreira Vía Verde, unha cita que une deporte e natureza no antigo trazado ferroviario entre os concellos de San Tirso de Abres, Trabada e A Pontenova. A proba está organizada pola Asociación As Minas coa colaboración dos tres concellos implicados, e pretende consolidarse como unha referencia no calendario deportivo da comarca.

A carreira absoluta, destinada ás persoas nacidas en 2009 ou anos anteriores, terá unha distancia de 12 quilómetros e partirá ás 17:30 horas desde Santirso de Abres, para rematar na Praza dos Fornos, no centro de A Pontenova. Para facilitar a participación, a organización habilitará un servizo de autobuses que sairá entre as 16:30 e as 17:15 horas desde a mesma praza.

Ademais da categoría principal, haberá tamén tres percorridos adaptados para menores: os máis pequenos (nados a partir de 2018) participarán na categoría C, con 250 metros de carreira e saída ás 17:00 horas; a categoría B (2011-2017) cubrirá 1.000 metros e comezará ás 17:05; e a categoría A (2009-2010), con 2.000 metros, arrincará ás 17:15. Todas as carreiras terán como meta A Pontenova.

As inscricións e o regulamento completo poden consultarse a través da web www.ccnorte.com, e a recollida de dorsais poderá facerse o mesmo día da proba, a partir das 16:00 horas, na Praza dos Fornos. A organización anima a toda a veciñanza a participar, xa sexa correndo ou animando, nun evento que une o patrimonio industrial coa vida activa.

A carreira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Deporte Galego, o Principado de Asturias, empresas locais e asociacións que apoian esta iniciativa pensada para poñer en valor a Vía Verde como espazo de encontro, lecer e benestar.

⚙ Configurar cookies
0.10462689399719