A VI Marcha da Merluza terá lugar en Burela o 3 de febreiro
A VI Marcha da Merluza terá lugar en Burela o 3 de febreiro. O evento deportivo, que estará dedicado a Moncho de Cangas, foi presentado nas instalacións de Absa este mediodía. No acto participaron o presidente e o secretario do Club Ciclista Burela, Juan José Martínez e Antonio Barcia, organizadores da proba, así como o presidente e o xerente de Absa, Abelardo Basanta e Miguel Neira, patrocinador principal, e Ramiro Fernández Rey, concelleiro de Deportes.
Fernández Rey comentou que “é unha carreira que chega á súa sexta edición e que este ano ademais dedícanlle a proba a Moncho de Cangas, vicepresidente do Club Ciclista Burela, que era un gran afeccionado ao ciclismo, e que desgraciadamente finou hai unhas semanas”.
O edil subliñou que “como sempre o Concello de Burela, desde a Delegación de Deportes, estamos implicados na axuda á promoción destas probas. Colaboramos coa carreira, igual que neste caso ABSA, que tamén se decidiu a apostar por esta carreira”.
Ramiro Fernández engadiu que “é unha carreira que, como digo, xa ten un recorrido de seis edicións, co cal entendemos que cada ano vai a máis e é unha proba que está máis que consolidada no calendario ciclista da Mariña e incluso da provincia. É unha proba que vai ter un recorrido de 33 quilómetros, case todo polo monte. Os afeccionados a este tipo de bicicletas disfrutan moitísimo con estas carreiras. A previsión que teñen é contar con máis de 200 participantes”.
O concelleiro de Deportes salientou que “o Concello de Burela, e neste caso a Delegación de Deportes, aposta novamente por consolidar estas probas e axudar en todo o que podemos a que esta marcha siga para adiante, e continuemos podendo disfrutar deste tipo de probas. A VI Marcha da Merluza vai ser o día 3 de febreiro, a saída está programada para ás nove e media da mañá. Despois da carreira poderemos xuntarnos a comer un pouco de merluza, no pavillón dos institutos, e disfrutar dunha xornada de convivencia contando anécdotas sobre esta carreira”.
O secretario do Club Ciclista Burela, Antonio Barcia, dixo que “é unha proba penso que accesible para toda a xente que estea afeita a andar en bici, de dificultade media, cun desnivel acumulado duns 1.000 metros máis ou menos. Son 33 quilómetros, haberá avituallamientos e ao final unha comida a base de produtos de Burela, empanada de bonito e merluza, que cede ABSA”.
A inscrición para poder participar está aberta en www.championchipnorte.com ata o 30 de xaneiro ás doce da noite.