A veciñanza de Cervo impulsa a transformación dun espazo público cun novo xardín sostible na Veiga

A implicación veciñal volveu ser protagonista en Cervo cunha nova acción de voluntariado destinada a mellorar e poñer en valor os espazos comúns do municipio. A iniciativa, promovida pola asociación A Rebolaxe no marco do plan de acción de Alcoa, permitiu transformar unha zona da Veiga coa creación dun xardín xerófilo de inspiración xaponesa e estilo zen.
A actuación contou coa participación de voluntarios e voluntarias de Alcoa, integrantes da asociación impulsora e representantes municipais, nunha xornada de traballo colectivo na que a colaboración entre entidades se converteu no eixo central do proxecto. Ata o lugar desprazáronse a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, para coñecer de primeira man o resultado dos traballos.
O novo xardín ocupa unha superficie aproximada de 70 metros cadrados e foi deseñado baixo criterios de sustentabilidade, apostando por especies ornamentais capaces de adaptarse ás condicións da zona. Para a súa creación empregáronse plantas aromáticas, cactáceas e outras variedades resistentes tanto á escaseza de auga como á carga salina propia das contornas costeiras.
Ademais da súa función estética, o espazo busca reducir as necesidades de rega e facilitar o seu mantemento a longo prazo, apostando por un modelo de xardinaría máis eficiente e respectuoso cos recursos naturais. O acabado completouse cun acolchado realizado con ramas decorativas, que reforza o carácter natural da zona e contribúe á integración do xardín na contorna.
A alcaldesa destacou o valor destas iniciativas impulsadas desde a propia comunidade e subliñou que “son un magnífico exemplo do que se pode conseguir cando administración, asociacións e empresas colaboran cun obxectivo común: mellorar os nosos espazos públicos e facelos máis sostibles e agradables para toda a veciñanza”.
Dolores García Caramés incidiu tamén en que o novo espazo “non só embelece esta contorna da Veiga, senón que aposta por un modelo de xardinaría máis eficiente”, con especies adaptadas ás características da costa e con menores necesidades hídricas. Segundo explicou, este tipo de actuacións permiten avanzar cara a unha xestión máis sostible dos espazos verdes municipais.
A rexedora quixo agradecer a participación de todas as persoas implicadas, destacando especialmente “o compromiso e a implicación da asociación A Rebolaxe, do voluntariado de Alcoa e de todas as persoas participantes”. Ao seu xuízo, “a suma de esforzos é fundamental para seguir coidando e poñendo en valor os espazos comúns do noso concello”.
Con esta actuación, o tecido asociativo e o voluntariado local volven demostrar a súa capacidade para xerar cambios positivos no entorno máis próximo, convertendo a colaboración cidadá nunha ferramenta para construír un Cervo máis verde e sostible.