A variante de Viveiro avanza coa exposición pública do estudo informativo e ambiental

A Xunta de Galicia vén de anunciar a próxima saída a información pública do estudo informativo e de impacto ambiental da futura variante de Viveiro, un paso clave na tramitación desta infraestrutura estratéxica para a mobilidade da comarca. O proxecto está chamado a aliviar de maneira significativa a carga de tráfico que soporta o centro urbano e a mellorar as comunicacións nun dos principais núcleos da Mariña lucense.
A actuación contempla a creación dunha nova estrada de máis de 10 quilómetros, estruturada en dúas ramificacións: unha cara ao oeste, en dirección ao Vicedo, e outra cara ao leste, que conectará co porto de Celeiro mediante un ramal e co corredor Celeiro–San Cibrao. A execución está prevista por fases, priorizando inicialmente o tramo leste.
Esta primeira fase abranguerá 6,2 quilómetros entre a glorieta de conexión coa estrada LU-540, ao inicio da travesía de Viveiro, e o enlace co corredor de San Cibrao. O investimento estimado ascende a 37,6 millóns de euros e incluirá dúas grandes estruturas: un viaduto de 503 metros en Celeiro e outro de 130 metros sobre o rego Fontecova, ademais dunha nova glorieta de conexión coa LU-862. A Xunta prevé licitar este mesmo semestre a redacción do proxecto construtivo.
Segundo os datos manexados polo Executivo galego, a futura variante podería absorber ata o 60% do tráfico actual, incluíndo vehículos de longo percorrido, tránsito portuario e parte dos desprazamentos internos. Na actualidade, o núcleo de Viveiro rexistra máis de 13.000 vehículos diarios.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, valorou positivamente o anuncio, sinalando que “supón un avance importante para Viveiro, ao tratarse dunha infraestrutura necesaria para mellorar as comunicacións e reducir a presión viaria no casco urbano”. Engadiu ademais que “cada paso administrativo nesta dirección achega a materialización dun proxecto clave para o futuro do municipio”.