A V Ruta BTT Augas Santas percorrerá Barreiros con dous itinerarios de 38 e 28 quilómetros

AMariñaXa
A marcha partirá ás 9.30 horas da pista de pádel de San Miguel de Reinante e ofrecerá unha opción longa de 38 quilómetros e outra curta de 28
V-BTT-aygas-santas-barreiros-2026
9 Nov 2026

Barreiros volverá converterse nun punto de encontro para os afeccionados ao ciclismo de montaña coa celebración da V Ruta BTT Augas Santas, prevista para o sábado 14 de novembro. A actividade, organizada pola A.D. Augas Santas Barreiros, terá a saída ás 9.30 horas desde a pista de pádel de San Miguel de Reinante, onde tamén estará situada a chegada.

A marcha, de carácter cicloturista e non competitivo, permitirá descubrir diferentes espazos do municipio a través de camiños e pistas forestais. O trazado pasará polos miradoiros de Penabor e Comado, así como polas inmediacións de San Estevo do Ermo. Segundo recolle o regulamento, arredor do 90% do percorrido discorrerá por pistas e camiños sinalizados, aínda que tamén haberá algúns sendeiros técnicos e tramos con firme máis irregular.

A organización propón dúas alternativas para adaptarse ás condicións e ao nivel dos participantes. A ruta longa terá 38 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 1.200 metros, mentres que a curta constará de 28 quilómetros e 800 metros de desnivel. Ademais, determinados puntos estarán marcados con frechas verdes para indicar unha variante máis asequible, con menos distancia e desnivel, que evitará a subida ao monte Comado e algúns dos sectores de maior dificultade.

As persoas interesadas poderán inscribirse a través da plataforma Championchip Norte ata o 12 de novembro ás 23.59 horas. O prezo é de 30 euros e hai un límite de 150 prazas, polo que o prazo podería pecharse antes de chegar á data prevista se se completa o cupo.

A inscrición inclúe seguro de responsabilidade civil e de accidentes, asistencia sanitaria, ambulancia, avituallamentos, duchas no campo de fútbol do Iberia CF e servizo de mangueiras. Ao remate tamén haberá uns pinchos nos antigos colexios de San Miguel, ademais dun agasallo da organización e un sorteo entre os participantes.

Os dorsais poderán recollerse o venres 13 de novembro, entre as 19.00 e as 20.30 horas, na pista de pádel de San Miguel de Reinante. Tamén estarán dispoñibles o sábado desde as 8.00 horas e ata quince minutos antes da saída. Será necesario presentar o DNI ou pasaporte para retiralos.

A proba contará coa colaboración da Deputación de Lugo, a Secretaría Xeral para o Deporte, a Xunta de Galicia, o Concello de Barreiros e distintas empresas e entidades. A organización lembra que o tráfico permanecerá aberto durante a marcha, polo que os ciclistas deberán respectar as normas de circulación nos cruces con estradas.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

0.087847948074341