A V Milla Popular Lourenzá Fin de Etapa Camiño Norte será o 25
A Federación Galega de Atletismo e as Escolas Deportivas Lourenzá organizan, co patrocinio do Concello de Lourenzá, a V Milla Lourenzá Fin de Etapa Camiño Norte que terá lugar o sábado 25 de xuño de 2022, a partir das 16.30 horas, na Praza Conde Santo de Lourenzá, sendo a mesma XIII Campionato de Galicia de milla en ruta e de 1.000 m.
Paralelamente celebraranse varias carreiras populares nas diferentes distancias establecidas no presente regulamento. Os circuítos estarán homologados na distancia de 1 km e milla pola Real Federación Española de Atletismo (agás categoría sub 8).
As inscrición populares estarán abertas ata as 23.59 horas do mércores 22 de xuño do 2022. As dos campionatos de Galicia de Milla en ruta poderanse facer a través da plataforma RFEA ata as 20.00 horas do martes anterior á competición.
Haberá medallas para os 3 primeiros clasificados da milla popular masculina, feminina absoluta, máster 1 e 2; e para os 3 primeiros de cada Campionato de Galicia segundo o establecido na circular do campionato.
Os dorsais entregaranse no lugar de saída das probas, na praza do Concello, ata 30 minutos antes do inicio de cada proba. Os participantes nos campionatos de Galicia de Milla en ruta terán que acreditarse na Cámara de Chamadas 15 minutos antes do comezo da súa proba.