A V Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo terá lugar o 19 de agosto
A V Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo, que terá lugar o 19 de agosto, foi presentada no salón de plenos do Concello. Na quenda de intervencións o xefe de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, declarou: “quero aproveitar para darlle a benvida a todos eses deportistas deses clubs que nos van acompañar. Moitas grazas a todos os patrocinadores e colaboradores, en especial ao Concello de Ribadeo, e, por suposto, ao organizador, o Club Atletismo Ribadeo, que xa é todo un referente non só no ámbito provincial senón tamén no autonómico, tanto no apartado deportivo como no de organización. É rara a semana que non lles mande uns parabéns, o que é bo sinal”.
Otero animou aos asistentes a gozar da riqueza cultural e gastronómica de Ribadeo: “a todos os que nos acompañen a disfrutar do atletismo e da carreira e a todos os familiares quero pedirlles que veñan a Ribadeo non só a gozar do deporte senón tamén da gastronomía, do patrimonio e da cultura, que é a forma de dinamizar economicamente Ribadeo e toda a súa comarca”.
O xefe de Deportes engadiu: “seguro que vai saír todo de marabilla pola garantía que nos dá a organización do Club Atletismo Ribadeo”.
O alcalde, Fernando Suárez, manifestou: “é unha excelente noticia para o Concello de Ribadeo en xeral, non soamente para a institución que presido a día de hoxe en particular, que sexa a quinta edición desta iniciativa que desenvolve o Club Atletismo Ribadeo que xunta a tantas persoas nun momento do ano no que se prevé moita afluencia de xente en Ribadeo e en toda a comarca”.
O rexedor subliñou que “é unha iniciativa singular, dado que carreiras hai moitas pero nocturnas non hai tantas, e iso esperta unha atracción que nestes últimos anos está indo a máis e ademais contrasta tamén con esas outras iniciativas que desenvolve o Concello de Ribadeo en solitario, como pode ser a media maratón Ribadeo-As Catedrais, pero nesta singularmente o Concello apoia, como fan as outras administracións que están aquí tamén para botar unha man”.
Suárez Barcia dixo que “ao longo de todos estes anos foi un pracer traballar co Club de Atletismo Ribadeo, fixéronse grandes cousas entre o Concello e esta entidade, ao igual que con outras. E esperemos que de aquí en diante sigades indo tan ben como ata agora. Que vaia ben e que se anoten moitos a esta carreira nocturna. É un pracer estar, a un lado ou a outro, pero sempre apoiando ao club”.
Pola súa banda, a presidenta do Club Atletismo Ribadeo, Ana Ferradás, indicou que “a nosa principal satisfacción é que todos se sintan como vencedores desta carreira. Agardamos ter a mesma resposta que nas anteriores edicións e agradecemos moitísimo o apoio de todas as institucións, de todos os patrocinadores e de todos os voluntarios, que son máis de 30 para esta carreira de só 9 quilómetros. Sen todos eles sería imposible levala a cabo. Moitas grazas a todos e verémonos o 19 de agosto”.