A UNED entregou os premios aos gañadores do proxecto Ningún aro sen rede

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Foron para os colexios de Celeiro, Cospeito e Casás
programa-ningun-aro-sin-rede-breogan
29 sep 2024

Susana López Hermida e Verónica Eiravella Barreira, directoras do CEIP de Celeiro e do CEIP de Casás respectivamente, recolleron de mans do Director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, e da Directora da UNED Lugo, Ana Traseira, os agasallos da UNED Lugo, Ecoballution e o CB Breogán, colaboradores neste proxecto baseado na economía circular e na reciclaxe.

Os premios foron entregados aos colexios máis implicados na segunda edición do proxecto Ningún aro sen rede, que ten como obxectivo fomentar a reciclaxe e a sustentabilidade nos centros educativos da provincia de Lugo.

O gañador foi o CEIP de Celeiro, que recibirá 75 invitacións para presenciar un encontro do CB Breogán e 100 euros en libros de temática medioambiental.

O segundo premio foi para o CPI Virxe do Monte Cospeito, que terá 50 invitacións para presenciar un encontro do CB Breogán e un lote de produtos de Ecoballution.

Finalmente, o terceiro, o CEIP Casás, contará con 25 invitacións para presenciar un encontro do CB Breogán e 50 euros en libros de temática medioambiental.

"Desde a organización, queremos darlles a noraboa non só aos gañadores, senón a tódolos centros participantes nesta pasada edición", dixeron os organizadores.

Este proxecto acadou uns resultados excepcionais, multiplicando por 10 os rexistros de reciclaxe respecto ao curso anterior 2022/23. Todos os elementos de escritura recollidos polos centros serán reciclados para darlle unha nova vida útil no futuro, grazas ao enfoque de economía circular que promove o proxecto.

Xa están abertas as inscricións para tódolos centros educativos de Educación Primaria de Lugo capital e provincia, que desexen participar na III Temporada de Ningún Aro Sen Rede.

0.14557194709778