A UNED de Foz programa dous obradoiros de Nadal para todos os públicos

Foz
AMariñaXa
A programación inclúe un taller de decoración con materiais naturais e dous obradoiros de galletas en inglés para a infancia o 28 de decembro
UNED-de-Foz-placa-calle
27 Nov 2026

A Aula Universitaria da UNED de Foz preparou unha programación especial para o mes de decembro con actividades creativas e propostas educativas destinadas a diferentes públicos, co obxectivo de ofrecer alternativas de formación e lecer durante as festas do Nadal.

A primeira cita será o mércores 16 de decembro co obradoiro "Naturalmente, o Nadal é maxia!", unha actividade presencial e aberta a todas as idades que permitirá elaborar adornos navideños utilizando elementos naturais e materiais de uso cotián que se poden atopar habitualmente nos fogares. A iniciativa desenvolverase nas instalacións da Aula Universitaria entre as 17.00 e as 19.00 horas.

A programación continuará o luns 28 de decembro con dous obradoiros infantís de elaboración de galletas de Nadal, baixo o título Christmas Cookies Workshop. As actividades estarán impartidas por Leticia Veiga e desenvolveranse integramente en inglés, cunha proposta adaptada a dous grupos de idade.

O primeiro taller estará destinado a nenos e nenas de entre 5 e 8 anos e terá lugar de 10.00 a 12.00 horas. A segunda sesión, prevista de 12.00 a 14.00 horas, dirixirase a participantes de entre 9 e 12 anos.

Esta iniciativa dá continuidade á aposta da Aula Universitaria por actividades en inglés para a infancia, unha liña de traballo que se mantén nos últimos cursos e que busca favorecer a aprendizaxe da lingua a través de experiencias prácticas, dinámicas e próximas aos máis pequenos.

A coordinadora da Aula Universitaria, Marta Muiña Rodríguez, subliña a importancia de ofrecer unha programación variada e accesible a distintos sectores da cidadanía. Segundo explica, a intención é que este espazo se consolide como un lugar próximo, con propostas para todas as idades e actividades que permitan aos nenos e nenas aprender inglés de forma natural e divertida.

Tamén a concelleira de Educación, Elena Martínez, destaca a colaboración entre o Concello e a UNED para impulsar este tipo de iniciativas, que permiten achegar novas experiencias educativas á veciñanza e crear espazos de aprendizaxe e convivencia para as familias e a infancia.

Con esta programación, a Aula Universitaria de Foz despide o ano mantendo a súa aposta pola formación permanente, a divulgación e a participación cidadá, reforzando o seu papel como punto de encontro e aprendizaxe aberto á comunidade.

As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar a inscrición poden contactar coa Aula Universitaria de Foz a través da web da UNED, acudir presencialmente ás instalacións, chamar aos teléfonos 982 133 699 e 604 034 549 ou escribir ao correo electrónico foz@lugo.uned.es.

0.14845418930054