A UNED de Foz ofrece en novembro formación, cultura e actividades para todos os intereses

Foz
AMariñaXa
A proposta inclúe cursos de desenvolvemento persoal, musicoterapia, natureza e creatividade, ademais dunha formación específica para opositores
Imaxe dunha aula da UNED de Foz
31 Oct 2026

A Aula Universitaria da UNED de Foz presenta para o mes de novembro unha programación que reúne propostas formativas e culturais de diferentes ámbitos, desde o desenvolvemento persoal ata a creatividade, a natureza e a sustentabilidade. A oferta de Extensión Universitaria combina actividades presenciais e en liña, con excepción do roteiro interpretativo previsto na Ribeira do Ouro.

A programación arrancará con dúas iniciativas centradas no benestar e nas relacións persoais. Do 3 ao 12 de novembro desenvolverase o curso "Volver a ti: o Self como compás para vivir, relacionarte e acompañar a outros", impartido pola psicóloga Alba Burundarena. A continuación, do 5 ao 26, terá lugar "Introdución á Musicoterapia", unha actividade que achegará recursos para o coñecemento persoal e o acompañamento doutras persoas.

A cultura tamén terá o seu espazo o mércores 11 coa presentación do libro "Entenderme", de Olalla Méndez Arias, na Biblioteca Municipal de Foz. O encontro estará conducido por Alicia Lage, psicóloga, directora da Clínica Sinapsis e colaboradora habitual da aula universitaria.

Ao día seguinte, o xoves 12, a proposta trasladarase á natureza co roteiro interpretativo "Outono na Ribeira do Ouro". A actividade permitirá coñecer a contorna natural da man de Pedro Rolle, especialista en biodiversidade.

A oferta continuará con dúas propostas de carácter diferente. Do 17 ao 23 de novembro impartirase o curso especializado "Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e Sistemas de Xestión Ambiental (SGA) na Empresa Moderna", centrado na incorporación de criterios responsables á xestión das organizacións. Pola súa banda, a ilustradora Araceli Paz Temprano dirixirá o "Taller de Debuxo a través do recordo", que comezará o día 19 e se prolongará ata o 17 de decembro, cunha invitación a utilizar a memoria como punto de partida para a creación artística.

A programación concluirá cunha formación específica para persoas opositoras, prevista entre o 30 de novembro e o 3 de decembro. O curso abordará os contidos fundamentais da Constitución española de 1978 e da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, co propósito de facilitar a preparación dos procesos selectivos.

A concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, destaca que esta variedade de actividades permite atender persoas con intereses distintos e contribúe a ampliar as oportunidades de aprendizaxe ao longo da vida, ademais de enriquecer a oferta cultural do municipio.

Por outra banda, a UNED lembra que o prazo de matrícula en graos, dobres graos e cursos de acceso á universidade permanecerá aberto ata o 4 de novembro. A ampliación ofrece unha nova oportunidade para iniciar ou continuar estudos universitarios nun modelo que permite compatibilizar a formación coas responsabilidades laborais, familiares e persoais. Os graos non teñen nota de corte, sempre que se cumpran os requisitos legais de acceso, e cada estudante pode adaptar a matrícula ás súas posibilidades, desde unha única materia ata un curso completo.

As inscricións nas actividades poden formalizarse a través da páxina web da UNED, na propia Aula Universitaria de Foz, nos teléfonos 982 133 699 e 604 034 549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es. Agás o roteiro pola Ribeira do Ouro, as propostas poderán seguirse presencialmente ou en liña.

0.14046907424927