A UNED de Foz abrirá o novo curso cun roteiro para observar a berrea na Fraga Vella

Foz
AMariñaXa
A actividade celebrarase o 23 de setembro cun percorrido interpretativo de tres quilómetros guiado polo bombeiro forestal Pedro Rolle
UNED-de-Foz-placa-calle
10 Sep 2026

A Aula Universitaria da UNED de Foz estreará o curso académico 2026/27 cunha proposta ligada ao patrimonio natural da Mariña. O mércores 23 de setembro organizará o roteiro interpretativo ‘A berrea’, unha actividade que permitirá achegarse ao período de celo do cervo vermello ou cervo europeo e intentar observalo no seu hábitat natural.

A saída está prevista ás 18.00 horas desde o campo de fútbol de Alfoz e a actividade prolongarase ata aproximadamente as 20.30 horas. O itinerario desenvolverase pola Fraga Vella, terá uns tres quilómetros de lonxitude e está considerado de dificultade baixa.

O encargado de conducir o percorrido será Pedro Rolle, bombeiro forestal e coñecedor da biodiversidade da contorna, que ofrecerá aos participantes explicacións para interpretar o medio natural durante a experiencia.

"Queremos iniciar o curso cunha actividade que nos permita poñer en valor o extraordinario patrimonio natural que temos ao noso redor e, ao mesmo tempo, ofrecer unha experiencia diferente e aberta á participación da cidadanía", explica a coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Foz, Marta Muiña.

NOVA PROGRAMACIÓN FORMATIVA

O roteiro será o punto de partida dunha nova tempada de actividades de extensión universitaria. Ao longo do curso incorporaranse propostas para diferentes públicos, entre elas os habituais cursos de preparación para a certificación de niveis de galego e inglés, ademais de iniciativas para nenos e nenas e outras relacionadas co deporte, a saúde e o benestar.

A concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, destaca o papel que desempeña a aula na comarca. "A UNED de Foz é xa un importante espazo de formación e divulgación para toda a comarca", sinala, ao tempo que reafirma a intención do Concello de continuar apoiando unha programación dirixida a persoas de diferentes idades.

Paralelamente, permanece aberto ata o 21 de outubro o prazo de matrícula na UNED para o curso 2026/27. A universidade ofrece diferentes graos e dobres graos que poden cursarse a distancia e incorpora novas titulacións, entre elas o Dobre Grao en Psicoloxía e Criminoloxía e o Dobre Grao en Economía e Matemáticas.

Desde a Aula Universitaria de Foz animan ás persoas interesadas en comezar ou continuar os seus estudos a consultar tanto a oferta académica actualizada como as actividades de extensión universitaria que se irán desenvolvendo durante os próximos meses.

0.084772109985352