A Troula Rayista regresa a Ribadeo con tres días de música, gastronomía e solidariedade

AMariñaXa
A segunda edición da cita, organizada polo Rayo Ribadeo Veteranos, recadará fondos para a asociación CMT Spain e para Naiara, unha nena ribadense afectada por unha enfermidade rara
troula-rayista-ribadeo-2026
26 Jun 2026

Ribadeo prepárase para vivir unha intensa fin de semana de actividades coa celebración da segunda edición de A Troula Rayista, unha proposta organizada polo Rayo Ribadeo Veteranos que combinará música, gastronomía, artesanía e entretemento familiar cun marcado carácter solidario.

A programación desenvolverase os días 26, 27 e 28 de xuño e ofrecerá unha ampla variedade de actividades pensadas para todos os públicos. O evento naceu o pasado ano coa intención de dinamizar a vida social do municipio e, ao mesmo tempo, apoiar causas solidarias. Nesta edición, a organización manterá a súa colaboración coa asociación CMT Spain e destinará parte da recadación obtida no servizo de bar á familia de Naiara, unha nena ribadense de oito anos que convive cunha enfermidade rara.

O recinto contará cun mercado artesanal integrado por arredor de 60 postos, nos que se poderán atopar produtos elaborados por artesáns e pequenas produtoras, ademais dunha zona gastronómica formada por seis foodtrucks con distintas propostas para todos os gustos.

A música será outro dos grandes atractivos da fin de semana. O venres abrirá a programación o concerto de KornuCopia. O sábado actuarán Pandereteiros do Inferno, o DJ Darío, os profesores do Curso de Jazz de Ribadeo, promovido pola Asociación Cultural Brúar e a Escola Municipal de Música, e o grupo Leit Motiv. Pola súa banda, o domingo pechará a cita o Dúo La Mecánica.

O programa incluirá tamén espectáculos de circo para toda a familia durante a fin de semana, ampliando a oferta de lecer para os máis pequenos.

Desde a directiva do Rayo Ribadeo Veteranos animan á veciñanza da Mariña e das comarcas próximas a participar nesta iniciativa, gozando da programación ao tempo que colaboran cunha causa solidaria que contribuirá a mellorar a calidade de vida de Naiara e apoiar o labor desenvolvido por CMT Spain.

0.11908197402954