A Tradescola organiza un novo concerto didáctico de música tradicional para escolares de San Cibrao
A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará mañá unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia.
Concretamente, mañá mércores 19 de abril achegarase ata o concello de Cervo, concretamente á casa da Cultura de San Cibrao, para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares do CEIP Península da Paz. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.
Realizarase un concerto didáctico, que estará impartido polos mestres da Tradescola, Roberto Rodríguez, Miguel Anxo López, Germán Díaz e Jose Manuel López: No concerto amosaránselle aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.
Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todas e todos os escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións, contribuíndo e potenciando deste xeito á divulgación da cultura e a súa conservación.
A Tradescola ofrece formación ás persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, a través das aulas que imparte diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.