A terceira regata da Copa Deputación de Piragüismo terá lugar en Cervo o día 28
O Encoro de Río Cobo acollerá o vindeiro domingo, 28 de xullo, a terceira regata da Copa Deputación de Piragüismo, organizada polo Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo.
A rexedora, Dolores García Caramés, e o concelleiro, Alfredo Fernández, xunto ao presidente do CD San Ciprián, Eduardo Rubal, o responsable da sección de piragüismo, Iván González, e o adestrador, Joel González, presentaron a proba, no propio escenario onde se desenvolverá esta competición que arrincará ás 10.00 horas.
Na proba daranse cita, en representación da Mariña, e ademais da entidade anfitrioa, o Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo, o Kayak de Foz e o club de piragüismo Urban Hotel Viveiro; ademais do Club de Piragüismo Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo.
A alcaldesa desexoulle moita sorte a todos os deportistas, que competirán nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, nas modalidades K1 e C1, e especialmente aos representantes do Club Local; e animou a todos os visitantes a que gocen da competición e da contorna excepcional na que se desenvolve.