A Subela de Foz: "Queremos organizar uns Cantos de Taberna e contar con grupos da comarca"
Lucía Blanco
A Asociación Folclórica e Cultural A Subela leva dende o 1998 apostando pola nosa tradición despois de que un grupo de focegos se animara a dar o paso e constituír o grupo co obxectivo de "conservar e difundir o folclore galego en todas as súas manifestacións tanto en baile como en canto como en música", lembra Cris, vogal do colectivo. O propio nome xa deixa claro a filosofía da entidade. "A subela é un instrumento que emprega un carpinteiro para furar o coiro, a goma ou a madeira e que se usaba na fabricación das pandeiretas".
Dende os seus inicios, loitan por promover festivais folclóricos, recuperar músicas, cantos e bailes tradicionais xa esquecidos, impartir cursos e, en xeral, espallar a nosa cultura. Actualmente, uns 35 membros, entre músicos e bailadores, forman parte desta agrupación que non entende de xeracións, pois o Subeleiro máis pequeno ten apenas 5 anos e o máis veterano, 60. "Aínda que é certo que nos gustaría ter máis volume de nenos bailando e tocando, por agora temos moi bo relevo e esperamos que vaia medrando e que sigamos aumentando a familia".
Entre as súas citas máis consolidadas, manteñen o Festival de Nadal A Subela, que será o 21 de decembro, e o Festival Aires do Masma, que celebran ao final de cada curso, no mes de xullo. Este ano iniciaron tamén un grupo sénior que, máis aló de aprender o baile, están a preparar uns cantos de tarbena. "Andamos a voltas con eles e temos como obxectivo establecer unha cita fixa, pero hai que matizar os detalles e darlle vida á proposta, aínda que esperamos sacala adiante, poder contar con grupos da comarca e facer unha edición aquí para todos".
Propoñerse organizar eventos deste tipo non resulta nada sinxelo. "Como calquera outra actividade que te propós facer ten o seu traballo previo, que non se ve e que moitas veces non se valora. Nos festivais, por exemplo, hai que buscar grupos convidados e patrocinadores para poder facerlle fronte economicamente aos gastos e leva un tempo. Non é fácil, pero cando ves o resultado queda un satisfeitos e daste de conta de que todo o esforzo mereceu a pena", asegura. A resposta dos que asisten sempre deixa bo sabor de boca e anima a seguir traballando a favor destas iniciativas.
Público fiel
"Sempre nos acollen moi ben nos dous festivais, gústalles vernos bailar e escoitar a nosa música. No do Aires do Masma tamén entra en xogo que se fai nun espazo aberto, na praza Conde Fontao, e en pleno verán, pero sempre temos moi boa resposta e un público moi fiel que se agradece". Ademais, acumulan actuacións noutras celebracións como son o Festival do Emigrante de Vilaronte, as Festas do San Lourenzo e do Carme ou as patronais de Santiago de Fazouro, entre outras. "Todas son especiais, moitas por tradición, porque son ineludibles e xa as temos marcadas e imos ano tras ano. No caso dos nosos festivais tamén temos o plus de que estamos pendentes de que todo saia ben e esté ben organizado".
O repertorio escólleno os mestres. "Tanto o de baile como o de gaita e percusión. Póñense de acordo nas pezas a tocar e bailar". Esixe, polo tanto, un compromiso por parte de todos os membros, que ensaian cada semana. "Ás veces nas semanas previas dos festivais tamén se fai algún ensaio extra para perfeccionar aquelas pezas que poidan estar máis verdes", di. Pero formar parte dunha asociación como A Subela non é so tocar ou bailar. "Os mestres fan un gran traballo de divulgación cando queren recuperar unha peza. Buscan toda a historia ou achéganse ata unha aldea para encontrarse cos maiores e que lle canten aquela canción que interpretaban cando ían as faenas do campo. Ese traballo de divulgación existe e penso que non se valora o suficiente".
Ademais de dinamizar a vida do pobo e conservar as tradicións e a propia historia da vila, Cris fai especial fincapé en toda a herdanza que o tecido asociativo logra manter viva. "Non nos damos conta da bagaxe que hai que ir recuperando para non perdela, é unha gran riqueza. Pouco a pouco e co traballo dos grupos e dos que estamos metidos nisto intentaremos ir sacando todo o noso folclore e que a xente saiba aprecialo como verdadeiramente se merece".