A Semana Santa é de Viveiro
A festa, declarada de Interese Turístico Internacional en 2013, é un dos maiores reclamos turísticos.
Por Ana Somoza López.
Se hai unha festividade relixiosa que caracterice á Mariña en xeral e a Viveiro en particular esa é a Semana Santa. As procesións que percorren as rúas da vila son consideradas referentes a nivel autonómico e destacan tamén entre os pasos do norte do país grazas ao seu valor artístico e emocional. A antigüidade desta celebración católica remontase ao século XIII, o que a convirte nun dos festexos máis antigos e con máis tradición de Galicia. Tanta é a transcendencia da Semana Santa de Viveiro que no 1988 foi recoñecida festa de Interese Turístico Nacional e, no ano 2013, declarouse de Interese Turístico Internacional.
Fai máis de oito séculos as ordes dos franciscanos e dominicos asentáronse na vila mariñá para divulgar a Paixón de Cristo aos habitantes viveirenses e comezar o camiño desta gran tradición. As asociacións encargadas da organización da Semana Santa son as Confrarías, que foron crecendo e mudando co paso da historia. A Venerable orde Terceira Franciscana e mais a Venerable Confraría del Santísimo Rosario foron as primeiras organizacións responsables dos actos da festividade católica de Viveiro. Séculos despois fóronse sumando máis confrarías para seguir mellorando e enriquecendo os actos da dita conmemoración. En 1944 fundase a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade, da que co paso do tempo saíron tres Irmandades: a do Prendemento, a das Sete Palabras e a de mulleres da Santa Cruz. Na actualidade súmanse a confraría da Misericordia e a do Nazareno dos de Fóra na implicación das antigas celebracións.
Tradicionalmente, despois do Pregón da Semana Santa e os Vía Crucis, dábase comezo aos principais actos do Xoves Santo coa procesión da Derradeira Cea. Na media noite acollíase as procesións da Misericordia e do Prendemento.
Na seguinte mañá, a do Venres Santo, as rúas de Viveiro enchíanse para percibir o calor da procesión do Encontro, onde fan presencia o Cristo que cae e os pasos da Dolorosa San Juan e a Verónica. A tarde do venres celébrase o Desenclavo e a procesión do Santo Enterro, o paso máis elegante de todos, con portadores con vestiduras negras e altos capuchóns. A media noite dá lugar a procesión da Paixón, onde participan as confrarías das Sete Palabras e a de Santa Cruz, conformada integramente por mulleres. Á madrugada sae ás rúas tamén a procesión da Soidade, coas tallas da Virxe da Soidade, San Xoán e da Verónica.
Saúl Jiménez é o autor do cartel anunciador da Semana Santa de Viveiro 2023. O recoñecido fotógrafo vivariense, nomeado para os Goya de fotografía recibiu o encargo da entidade organizadora durante a Coresma de 2022 co fin de puidese traballar durante a Semana Santa dese ano para contar con material para o cartel que divulgará a celebración en todo o mundo.
O autor presentou unha selección de fotografías entre as cales se seleccionou a que formará parte do cartel, ademais doutras 21 instantáneas que se expoñerán na Praza Maior da cidade do Landro durante as xornadas da Pascua vivariense.
A Semana Santa de Viveiro é un dos principais reclamos turísticos da localidade conseguindo ano a ano atraer a miles de visitantes que chegan chamados polo carácter único destas celebracións.
Programa cultural Adral
A Semana Santa celebrarase oficialmente na segunda semana de abril, malia que os actos da Xunta de Confrarías xa comezaron. Nestes actos centos de fieis congregaranse un ano máis para gozar cunha das mellores celebracións que está declarada como Festa de Interese Turístico Internacional.
Ademais das tradicionais procesións haberá actividades paralelas da man da Xunta de Confrarías para ir preparándose para a celebración. O xoves día 9 de marzo na sala multiusos do Concello haberá unha conferencia a cargo de Antonio Menduíña Santomé, reitor do Seminario Menor San Pelayo Diócese de Tui-Vigo, sobre As mulleres nos relatos Evanxélicos da Paixón. O día 10 será o concerto do Coro do Conservatorio de Música de Viveiro e o sábado 11 o concerto da Banda Municipal O Landro, ambos na igrexa de San Francisco.
O xoves 16 de marzo na igrexa de Santa María será o concerto de Enxemble de Cámara do Conservatorio, o venres 17 na igrexa das MM. Concepcionistas o do Coro SondeNos.
O domingo 19 será a quenda do cine da man de Claret, e o venres 24 volverá a música co Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia na igrexa de San Francisco.
Na xornada do sábado 25 comezará o XI Certame de Bandas Cidade de Viveiro na praza Jacinto Calvo coa participación de cinco agrupacións.
Por último, o martes 28 de marzo pechará o programa a conferencia Ser cofrade, unha forma de ser cristiano, a cargo de Daniel Cuesta Gómez. E o sábado 1 de abril será a presentación do libro Escultores Rivas Varela de Riotorto a Compostela, e o pregón oficial que estará a cargo de Emilio Xosé Insua López.
Visitas guiadas alternativas
O Concello de Viveiro, a través da súa Concellería de Turismo, programa unha serie de visitas guiadas con motivo da Semana Santa. As diferentes propostas consisten en percorridos panorámicos polo municipio ou rutas de sendeirismo coas que coñecer novos lugares en Viveiro.
A primeira ruta será o sábado 1 de abril ás 16.00 horas coa Rutas dos Muíños de Balea, cunha lonxitude de 5 quilómetros na que coñecer estes elementos hidráulicos e a vexetación de ribeira, e que se repetirá o sábado 8 ás 11.00 horas. A seguinte proposta será o domingo 2 co Vivertren de Covas a Celeiro ás 16.00 horas, que se poderá facer tamén o venres 7.
Xa o luns 3 ás 11.00 horas poderase facer un percorrido panorámico no que visitar o Souto da Retorta, un percorrido no que visitar o monumento natural O avó, a árbore de maior volume en España, así como admirar a arquitectura indiana. O martes 4 será a quenda da ruta polo paseo fluvial do río Landro.
O mércores 5 ás 11.00 horas ofrécese unha vista ao Complexo Regal Xunqueira, no que gozar da arte e artesanía local nestes museos. O xoves 6 ás 16.00 horas, farase unha ruta ata o Monte San Roque na que se ascenderá ao cume deste monte, a 350 metros sobre o nivel do mar.
O domingo 9 pechará o programa o percorrido panorámico á Área Etnográfica da Insua ás 11.00 horas para coñecer a actividade de carga de minerais de ferro da zona. As inscricións deben realizarse no correo electrónico viveirovisitas@gmail.com. Todas as rutas terán como punto de partida a estación de autobuses de Viveiro.
Ruta dos Faros en tren
Viveiro formará parte este ano das rutas dos trens turísticos de Galicia, unha iniciativa entre Turismo de Galicia e Renfe que percorrerá os principais destinos de ocio e lecer da comunidade autónoma.
O municipio incluíuse nun dos traxectos desta iniciativa na categoría da Ruta dos Faros, e na que ata seis trens turísticos pararán en Viveiro entre os meses de xuño e setembro para amosar o encanto desta vila.
Esta viaxe, que transcorre polo litoral norte de Galicia, inclúe un percorrido a pé polas rúas do centro histórico viveirense e na que todos os viaxeiros contemplarán o encanto desta vila mariñeira.
Ademais, a Ruta dos Faros achegará aos viaxeiros ata Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica, e outros lugares senlleiros do litoral norte de Galicia, como son o cabo Ortegal ou os cantís de Vixía Herbeira, dos máis altos de Europa, así como o santuario de Santo André de Teixido. Percorrerase a pé as rúas do centro histórico de Viveiro e xa de regreso achegarase ata os famosos cantís de Loiba. Un guía especializado acompañará aos viaxeiros durante todo o traxecto e os percorridos dos trens completaranse con autobuses que achegarán aos pasaxeiros aos diferentes puntos de interese.
Poderase aprender sobre a historia do ferrocarril en Galicia e revivirase o esforzo de miles de persoas que fixeron posible unha das obras máis complexas da enxeñería española.