A Semana Santa de Viveiro presenta cartel co respaldo institucional da Deputación e da Xunta

AMariñaXa
A celebración, declarada de Interese Turístico Internacional, contará cun concerto de Carlos Núñez e co pregón de Anxo Rodríguez no Teatro Pastor Díaz
Cartel-semana-santa-viveiro-2026
28 Feb 2026

A Casa do Concello de Viveiro acolleu a presentación oficial do cartel e da programación da Semana Santa, nun acto no que participaron representantes da Xunta de Confrarías e autoridades provinciais e autonómicas. A cita serviu para poñer en valor unha celebración declarada de Interese Turístico Internacional, considerada unha das máis antigas e singulares de Galicia polo seu peso histórico e artístico.

A presidenta da Deputación Provincial de Lugo, Carmela López, acompañou ás confrarías neste acto e confirmou a achega de 30.000 euros por parte da institución provincial para contribuír á organización desta edición. Durante a súa intervención, destacou o impacto que a Semana Santa xera en toda A Mariña, subliñando que se trata dun exemplo claro de cooperación territorial que repercute directamente en sectores como o aloxamento, a restauración, o comercio ou o transporte. “Defender a Semana Santa de Viveiro é defender patrimonio, identidade e tamén oportunidades para a comarca”, afirmou.

A mandataria provincial incidiu no papel das confrarías como gardiás da tradición e do patrimonio relixioso e artístico, recoñecendo o seu traballo constante na conservación dos pasos e na organización das procesións. “Coa programación que tedes preparada volvemos ver que a Semana Santa é unha gran dinamizadora social”, sinalou, facendo fincapé na capacidade desta celebración para proxectar o nome da provincia e fortalecer o sentimento de pertenza.

Entre os actos máis destacados figura o concerto que ofrecerá Carlos Núñez o 7 de marzo na igrexa de San Francisco, así como o pregón que pronunciará o xornalista viveirense Anxo Rodríguez o día 28 no Teatro Pastor Díaz, marcando o inicio simbólico das celebracións. Ademais, procesionarán algúns dos pasos de maior interese artístico, como o da Última Cea, datado en 1808; o do Encontro, acompañado polas tallas da Virxe da Dolorosa, San Xoán e a Verónica; o Vía Crucis; ou a procesión da Soidade, tamén coñecida como dos Caladiños.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, subliñou o apoio do Goberno galego a esta manifestación relixiosa e cultural “que xera unha importante actividade turística na vila”. Arias puxo en valor o labor da Xunta de Confrarías e lembrou que a administración autonómica destina 40.000 euros a través dun convenio específico. Engadiu que, sumando os acordos co Concello para impulsar o turismo cultural e deportivo e outras iniciativas, a achega da Xunta supera os 800.000 euros anuais en accións turísticas no municipio.

A Semana Santa de Viveiro consolídase así como unha referencia no calendario relixioso e cultural galego, combinando tradición, arte sacra e dinamización económica nunha celebración que cada ano atrae milleiros de visitantes.

0.12251806259155