A selección sub 18 feminina proclámase campioa de Europa tras prepararse en Ribadeo

A selección española sub 18 de baloncesto feminino vén de acadar un fito histórico ao proclamarse campioa de Europa, logo dunha impecable traxectoria no campionato continental. O triunfo colle especial significado en Ribadeo, onde o equipo estivo concentrado durante dúas semanas, do 9 ao 22 de xuño, realizando a preparación previa á competición.
Desde o Concello ribadense celebraron con entusiasmo esta vitoria. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, expresou o orgullo da vila por ter sido parte do camiño do equipo cara ao título: “Estamos encantados con este novo éxito da selección, que confiou en Ribadeo como lugar de concentración antes dunha cita tan importante. É un motivo de orgullo saber que parte desa preparación se fixo aquí”.
O edil transmitiu os parabéns tanto ás xogadoras como ao corpo técnico polo traballo realizado: “Queremos felicitalas por proclamarse campioas de Europa e agardamos que volvan contar con Ribadeo no futuro. A súa presenza aquí foi unha oportunidade única para a nosa rapazada, que puido ver de preto como adestra unha selección de elite”.
Silvent tamén salientou a relevancia que teñen este tipo de estadías deportivas para a vila: “En Ribadeo hai unha grande afección polo baloncesto, e acoller a equipos desta categoría non só é positivo desde o punto de vista deportivo, senón tamén como exemplo e inspiración para as nosas nenas e nenos”.
A selección sub 18 feminina demostrou un xogo sólido, talentoso e comprometido ao longo do campionato, culminando cun título europeo que recoñece o traballo colectivo e a calidade do baloncesto feminino español. Un éxito que, en parte, tamén sabe a Ribadeo.