A sanidade, unha realidade que exixe melloras

Por Ana Somoza.
Coa chegada do bo tempo a Mariña prepárase para recibir un aumento notable de visitantes e tamén de veciñanza estacional que regresa ás súas segundas residencias. Este incremento de poboación, habitual cada primavera e verán, volve poñer o foco nunha realidade que leva anos xerando preocupación: a situación da sanidade pública na comarca. Mentres a actividade turística medra, tamén o fai a demanda asistencial, nun contexto no que asociacións veciñais, profesionais sanitarios e representantes políticos coinciden en sinalar “un sistema tensionado e con importantes déficits estruturais”.
PRIMARIA. Desde Médicos no Vicedo Xa levan tempo advertindo dunha situación que cualifican de “insostible”. Segundo explican, no municipio hai asignadas dúas prazas médicas, pero na práctica só está cuberta unha. “O profesional dispoñible chega a facer quendas de 24 horas e ten que asumir tamén a atención domiciliaria”, sinalan, o que provoca que “cando sae a facer visitas, teña que anular citas programadas”. A esta situación súmase que o mesmo médico “compatibiliza o seu traballo cubrindo outra praza en Viveiro”, polo que a dispoñibilidade real redúcese aínda máis. “Cando colle días de permiso, o centro queda directamente sen médico”, denuncian. Como resposta, a veciñanza leva meses mobilizándose. “Facemos concentracións aproximadamente unha vez ao mes para visibilizar esta situación”, explican.
A deputada e portavoz de Sanidade e doutora, Encarna Amigo tamén puxo o foco na Atención Primaria, asegurando que “segue a ser unha prioridade para a Xunta”, e subliñou que “se están a impulsar medidas específicas para reforzar os centros de saúde, especialmente nas zonas rurais”. Neste sentido, destacou que “nos últimos anos incorporáronse novas prazas de difícil cobertura e estanse aplicando incentivos para atraer profesionais”, aínda que recoñeceu que “a falta.
ESPERA. A portavoz da Plataforma da Sanidade Pública na Mariña, Montse Porteiro, confirma que os problemas na atención primaria son xeneralizados. “Estamos vendo como os tempos de espera superan amplamente as 48 horas, e isto repítese na maioría dos centros da comarca”, indica.
Para Porteiro, a raíz do problema está na falta de planificación. “Non hai médicos porque non se fixo unha planificación axeitada. Sábese cantos profesionais se van xubilar e canto tempo leva formar novos, polo que isto podería terse previsto”, afirma.
A saturación da atención primaria ten, ademais, un efecto dominó. “É o primeiro nivel do sistema sanitario e funciona como filtro, polo que se falla aquí, todo o demais acaba resentíndose”, advirte.

HOSPITAL. No Hospital da Mariña, en Burela, a situación tampouco é allea a estas dificultades. Unha médica internista recoñece con claridade que “faltan médicos, sen dúbida”. Aínda que nos últimos anos se incorporaron profesionais, “as baixas de longa duración, permisos ou reducións de xornada non sempre se cobren”, o que provoca “unha sobrecarga nas quendas”.
No día a día, isto tradúcese en atrasos e maior presión asistencial. “Os pacientes hai que atendelos si ou si, polo que o impacto recae nas consultas, que se atrasan ou se alongan máis do previsto”, explica.
A profesional tamén alerta do efecto das listas de espera: “Moita xente que non é atendida a tempo no centro de saúde acaba acudindo directamente ao hospital, e iso non debería pasar”. Ademais, advirte de que “patoloxías leves poden agravarse se non se tratan a tempo, especialmente en persoas maiores”.
A deputada popular insistiu en que “a ampliación do Hospital da Mariña suporá un salto cualitativo moi importante na capacidade asistencial da comarca”, destacando que se incrementarán espazos clave como urxencias, a UCI e o punto de atención continuada. Segundo explicou, “trátase dunha aposta clara por modernizar as instalacións e mellorar a atención á cidadanía”, ao tempo que defendeu que estas actuacións “deben entenderse dentro dunha estratexia global para reforzar o sistema sanitario público, adaptándoo ás necesidades actuais e futuras”.
ESPECIALISTAS. Outro dos grandes problemas é a falta de especialistas. “Hai servizos nos que non se cobren todas as prazas”, sinala a médica, poñendo como exemplo o caso de Dixestivo, onde “só hai unha profesional cando debería haber tres”. Isto obriga a derivar pacientes a Lugo. A situación repítese noutras áreas. “En cardioloxía hai tres profesionais, pero non existe unha planta específica de hospitalización”, o que implica novos traslados. Tamén se detectan dificultades no laboratorio, especialmente en fins de semana, “cando faltan técnicos e se atrasan os resultados”.
POLÍTICA. Desde o ámbito político, as críticas tamén son contundentes. O deputado do BNG Daniel Castro sinala que as queixas da cidadanía se concentran en tres eixos: “a falta absoluta de persoal na atención primaria, as listas de espera e a perda de servizos no hospital”.
Segundo explica, “hai casos nos que a xente ten que agardar ata un mes para ter cita co seu médico de cabeceira”, mentres que “cada vez son máis os pacientes que teñen que desprazarse a Lugo para ser atendidos”. Para Castro, a ampliación do hospital “será positiva, pero insuficiente se non vai acompañada de máis profesionais”.
Na mesma liña, a deputada do PSdeG Lara Méndez considera que a situación é especialmente preocupante. “O hospital de Burela nunca estivo peor que agora”, afirma, denunciando “déficit de especialistas, atrasos e listas de espera que superan os dez meses”.
Méndez alerta de que “o sistema está baixo mínimos” e de que a integración da Mariña na área sanitaria de Lugo provocou “un deterioro na calidade asistencial”. “Hai persoas que teñen que percorrer máis de cen quilómetros para recibir atención”, subliña.
VERÁN. Fronte a estas críticas, desde o Partido Popular deféndese que existe planificación. Encarna Amigo asegura que “a organización asistencial permite adaptar os recursos ás necesidades reais” e que “se intentarán cubrir todas as substitucións posibles”. Tamén destaca que “o 100 % das camas hospitalarias estarán dispoñibles” e que se aplicarán plans de continxencia nos centros de saúde. Con todo, recoñece que “non hai profesionais suficientes para contratar”, apuntando á falta de médicos como un problema xeral en toda España.
Porén, desde a Plataforma Sanitaria cuestionan estas previsións. “Debería existir unha planificación específica para períodos como o verán cando aumenta a poboación”, insiste Porteiro. Ademais, lembra que antes existía persoal desprazado para reforzar estes momentos, “algo que agora xa non se está facendo”.
Mentres tanto, desde a Asociación de San Román insisten en que a realidade diaria é outra. “O sistema está colapsado, especialmente no que respecta aos tempos de resposta das ambulancias, que son excesivos”, denuncian.
A combinación de falta de persoal, incremento da demanda e ausencia de reforzos específicos fai que cada tempada alta sexa afrontada con incerteza. Nun contexto no que a sanidade pública continúa sendo un dos piares fundamentais, a situación na Mariña evidencia a necesidade de medidas estruturais. As voces recollidas coinciden nunha idea: “sen profesionais non hai sanidade posible”.