A Ruta da auga de Guitiriz, un fío líquido conductor

AMariñaXa
Un percorrido a pé de preto de vinte quilómetros conecta o Camiño Norte coas históricas fontes medicinais do municipio
Ruta-auga-Guitiriz-ponte
4 Feb 2026

A coñecida como Ruta da Auga preséntase en Guitiriz como un itinerario a pé duns vinte quilómetros que procura unir patrimonio natural, memoria histórica e tradición termal. O trazado enlaza o Camiño do Norte de Santiago coas tres principais fontes de augas medicinais do municipio —Valdovín, San Xoán e Pardiñas— nun percorrido pensado para amosar o valor da auga como recurso de saúde e como elemento vital que modela a paisaxe.

O punto de partida sitúase nun dos lugares máis emblemáticos do concello: San Alberte, na parroquia de Sambreixo. Trátase dunha paraxe singular na que conflúen unha ponte de orixe romana, unha capela gótica cun cruceiro esculpido neste século pola canteira local Josefa e un conxunto natural de gran riqueza arbórea. Todo este patrimonio descansa á beira do río Parga, que neste tramo xa discorre con forza camiño da súa unión co Ladra. Moi preto, un pequeno ascenso conduce ao miradoiro de Sambreixo, desde o que se obtén unha ampla panorámica da contorna.

A ruta estrutúrase en tres grandes tramos que marcan tamén os seus principais fitos. O primeiro vai de San Alberte á fonte de Valdovín, en Parga; o segundo enlaza Valdovín coa fonte de San Xoán, integrada no complexo termal de Lagostelle; e o terceiro conduce desde San Xoán ata a fonte de Pardiñas, situada na aldea do mesmo nome, tamén na parroquia de Lagostelle. Estes tramos subdivídense en subtramos definidos por puntos con acceso rodado, aínda que nalgúns casos existen variantes por antigos camiños de carro sen asfaltar que permiten unha lectura máis tradicional do territorio.

Ao longo do seu percorrido, a Ruta da Auga evidencia o potencial acuífero de Guitiriz. As fontes medicinais, coñecidas desde hai máis dun século polas súas propiedades curativas, conviven cunha paisaxe marcada pola presenza constante da auga. Boa parte do camiño discorre paralelo ao río Parga e atravesa zonas nas que conflúen dous ou tres regatos, reforzando a idea da auga como eixo vertebrador do territorio.
Xa nos primeiros quilómetros, río arriba, o camiñante observa a unión do regato que baixa por Roca co Parga, na zona do Piteiro. Máis adiante, antes de chegar a Valdovín, aparece o Rego Pequeno, que verte auga durante todo o ano xunto ao muíño de Ferreira. Este punto simboliza, segundo a tradición popular, o “casamento” entre o Parga infantil —procedente da zona de Friol— e o regato que baixa desde Guitiriz, coñecido con distintos nomes segundo o lugar: Escádebas, Forxá, Sete Muíños ou Ponteveiga, aínda que oficialmente figura como Ladroil. Ao longo da ruta, este curso fluvial recibe outros afluentes como o río de Mariz, o Pardiñas ou o regato de Augafría.

Así, a Ruta da Auga configúrase como unha proposta que vai máis alá do sendeirismo, ofrecendo unha lectura completa do territorio de Guitiriz a través da auga, da súa historia e da relación secular entre a natureza e as persoas.

⚙ Configurar cookies
0.076472043991089