A rúa Reinante encamiña a súa renovación cun investimento superior aos 90.000 euros

A transformación integral da rúa Reinante avanza segundo o previsto e encara xa a súa recta final tras semanas de intervención. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento dunha actuación que considera “necesaria e estratéxica” para mellorar unha das vías céntricas da vila, cun orzamento que supera os 90.000 euros.
Os traballos permitiron deixar atrás os arranxos puntuais e parcheos que se viñan realizando nos últimos anos para acometer unha renovación completa. A obra incluíu a demolición do firme anterior, movementos de terra, melloras nas redes de saneamento e abastecemento de auga e a substitución do lastra deteriorado por un novo pavimento de formigón armado con malla, máis resistente e estable.
Tamén se executou unha canaleta de recollida de pluviais na zona máis próxima á capela da Orde Terceira, co obxectivo de optimizar a evacuación das augas. A intervención completarase con axustes no alumeado público e na organización dos servizos.
O rexedor subliñou que as obras se están coordinando para interferir o mínimo posible na actividade comercial da contorna, aínda que recoñeceu as molestias derivadas do corte temporal ao tráfico rodado. Neste sentido, pediu comprensión á veciñanza e explicou que é preciso respectar os tempos de execución para garantir un resultado duradeiro.
Vega incidiu en que esta actuación forma parte da aposta municipal por seguir modernizando infraestruturas e reforzar a calidade urbana de Ribadeo.