A rúa Francisco Vilasuso de O Vicedo gaña accesibilidade e espazos máis amables co Plan Hurbe

A rúa Francisco Vilasuso de O Vicedo presenta xa unha nova imaxe tras as obras executadas ao abeiro do Plan Hurbe, unha intervención que permitiu renovar os itinerarios peonís e humanizar un dos puntos máis transitados do casco urbano. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou os traballos realizados en virtude do convenio asinado o pasado mes de xullo entre a Xunta e o Concello.
A actuación centrouse especialmente na mellora da accesibilidade e da comodidade para as persoas viandantes. Na rúa Francisco Vilasuso reorganizáronse os espazos de paso, ampliando e adecuando o percorrido peonil para facelo máis seguro e funcional. Ademais, instalouse novo mobiliario urbano co obxectivo de crear unha contorna máis agradable e acolledora.
Trátase dunha zona especialmente relevante para a vida diaria do municipio, xa que nela se concentran servizos como a Casa da Cultura, a escola infantil e un parque, converténdoa nun punto de encontro habitual para familias e veciñanza. A mellora destes espazos supón, polo tanto, un avance significativo na calidade urbana e na seguridade dos desprazamentos a pé.
O proxecto completouse con actuacións puntuais na travesía da Mariña, na parroquia de Santo Estevo, onde tamén se habilitou un pequeno itinerario accesible e se incorporou mobiliario urbano na contorna do cruce cara á igrexa e ao cemiterio.
O investimento global das intervencións ascendeu a arredor de 50.000 euros, financiados a través do Plan Hurbe, programa co que a Xunta colabora cos concellos para mellorar espazos públicos. A conselleira destacou que este tipo de actuacións contribúen a reforzar o atractivo das vilas, apoiar o comercio local e favorecer a fixación de poboación, especialmente en contornas rurais.